Ao asinar o Acordo de París, España comprometeuse formalmente co obxectivo de limitar o aumento da temperatura media global a 1,5º C, o que, entre outras cousas, requeriría unha rápida descarbonización do sector eléctrico europeo. A consultora Climate Analytics coida que cómpre ter pechadas todas as centrais europeas de carbón arredor de 2030. Tomando como criterio a intensidade das emisións de CO2, as vellas térmicas de carbón das Pontes e de Meirama, responsables dun terzo das emisións galegas de CO2, deberían estar entre as primeiras en finalizar a súa vida. En 2021 xa deberían estar pechadas, segundo o calendario proposto por Climate Analytics. Mais, lonxe diso, está previsto que continúen a producir electricidade ben máis alá de 2030, co visto e prace das institucións, partidos da vella e a nova política e sindicatos. Que non por iso deixarán de crer no seu "firme" compromiso na loita contra o problema climático. Porque a máis relevante e consensual política de sustentabilidade é o autoengano.