Diríxome a vostede para expresar o meu rexeitamento como nai polo trato que a súa Consellería vén de dar aos nenos e nenas do barrio de Navia en Vigo. A falta dunha semana para que se abrira a aplicación para a solicitude de instituto, o CEIP Castelao (situado no barrio de Navia) deixa de estar adscrito ao IES Alexandre Bóveda (centro a carón do noso barrio), para quedar adscrito ao IES de Valadares situado a máis de 10 Km das nosas casas. Neste senso quero transmitir o malestar xerado e indicar que:

Non aceptamos que os nosos rapaces de 11 e 12 anos se teñan que erguer ás 7 da mañá para coller un autobús que os leve a estudar á máis de 10 quilómetros das súas casas, cando existen dous institutos de secundaria ás portas das mesmas.

Non aceptamos que se empregue aos nosos fillos para fornecer de alumnado un centro sen demanda e situado nun monte próximo ao Campus Universitario de Vigo.

Non aceptamos sacrificar aos nosos nenos e nenas mentres os institutos do centro de Vigo ofertan máis prazas de bacharelato que da ESO, o que é unha reserva encuberta para o alumnado procedente do ensino concertado que xa conta con 15 ou 16 anos.

Non aceptamos que os nosos fillos sexan os sacrificados de Vigo, froito dunha desastrosa xestión da zonificación na nosa cidade.

Non aceptamos que se fortaleza o ensino concertado fronte ao público, xa que con esta medida o alumnado de Navia do ensino concertado poderá estudar a secundaria no propio barrio, mentres que o do ensino público ha de viaxar cada día máis de 20 km.

Sr. conselleiro, rectifique a decisión tomada dende a súa Consellería para que os nenos e nenas de Navia tamén se rexan por un criterio de proximidade á hora de acceder a un centro de secundaria, en igualdade de condicións que o resto do alumnado.