Nestes días non son bos tempos para as árbores na súa loita con ventos e temporais, moitos foron os que caeron e outros quedaron con danos, outros resisten e ningún vento por moi forte que sexa pode con eles, como a nosa árbore de referencia, o carballo de Santa Margarida, que dobrará cando el queira non polos empurróns dos ventos traizoeiros, outros caeron ou quedaron seriamente danados como os cedros das Palmeiras, sempre a carón da nosa infancia, fogar e refuxio dos estorniños que nos maravillaban cas súas acrobacias nos recreos do instituto.

Non resistiu o tilo centenario que, como un moderno miliario, guiaba os peregrinos camiño de Compostela, era como un faro na Ponte do Burgo. Baixa o Lérez cargadiño de madeira cunha flota de troncos e polas das árbores que caeron nas ourelas e arrastra o río. Tamén o Gafos sufreu o temporal ca perda de moitas árbores que se espelleaban nas súas augas, pero a sorte que ten o Gafos é que tellen a os de Vaipolorio que miran por el e o coidan e asiña o limpan de ramaxes que atrancan as pontes e arranxan os pasos de madeira.

Mágoa dos paxaros a os que o vento tirou os niños e deixounos sen fogar, deume moita pena na casa duns amigos no xardín ver no chan un algarrobo e entre as polas un niño destrozado cos ovos polo chan que xa non agromarán a vida e non alegrarán cos seus rechouchíos a vindeira primaveira. Agardamos que asiña, cando chegue o bo tempo, repoñan todas as árbores caídas.

Xa os nosos antergos entenderon a importancia das árbores nas nosas vidas, e no ano 1895 hai constancia que se celebraban en Galicia moitas festas adicadas ás árbores, e no 1569 Luis de Luaces, alcalde de Mondoñedo, manda que cada veciño acuda ao Campo dos Remedios con tres árbores froiteiras para prantar. Agora nosa xeneración, moito máis preparada e con máis coñecementos, prantamos eucaliptos e enchemos os montes de especies de árbores foráneas e bioinvasores que os desertizan e os despoboan de vida e riqueza. Así nos vai.

É febreiro, cando na nosa cidade entre pedras milenarias florecen os camelios e magnolios, que poñen luz e cor a grisura do inverno, e o monte tíñese de amarelo como xirasois de Van Gogh co florecer das mimosas que, aínda que son bioinvasoras, son moi fermosas en flor.