En Vigo produciuse un aumento significativo de poboación nova de alumnado nos niveis obrigatorios (Primaria e Secundaria) e, nun segundo momento, no de postobrigatoria (Bacharelato). Dado que aumentaba a demanda de prazas escolares sen que se modificase a oferta, os sectores implicados, directa ou indirectamente, no feito educativo (anpas, sindicatos do profesorado e do alumnado, directores e claustros de centros públicos, Consello Escolar Municipal, Concellalía de Educación, aa.vv., etc.) plantexaron diante da Consellería a necesidade urxente de modificar a rede de centros públicos na cidade, sen que tal suxestión fose atendida.

Ao iniciarse o proceso de preinscrición para o curso 17-18, a Consellería decide modificar a adscrición do Centro Alfonso R. Castelao do IES A. Bóveda ó IES de Valadares, o cal provoca que ese alumnado pasa a ter que desprazarse 7,5 e 10 kms (segundo vivan na Miñoca ou en Navia). Esa decisión afecta a 150 alumnos de ESO. Esta é a última dunha serie de decisións coxunturais que dificilmente podían solventar o problema estrutural que ano a ano se foi complicando: supresión en 2011 da ESO no Celso Emilio Ferreiro, pasando o alumnado ao Álvaro Cunqueiro nun primeiro momento, para logo compartilo co Alexandre Bóveda, ata que este último instituto non tiña espazo físico para ampliar máis unidades de ESO. É dicir, esperouse a que o mero paso do tempo solventase o problema, cando unha simple ollada á evolución demográfica da Miñoca e de Navia indicaban que había que abordar unha modificación seria e responsable da rede de centros.

Chegados a esta situación, a consellería debería aprobar unha nova rede de centros, despois de escoitar aos sectores implicados. Para esa nova rede de centros deberían terse en conta entre outros aspectos: a construción rápida dun novo IES como prometeu o presidente da Xunta na última campaña electoral autonómica, reducir a ratio alumnado por profesor, a ampliación de profesorado e de especialistas do alumnado de necesidades educativas especiais, a ampliación das prazas de profesorado das aulas hospitalarias, actualización das liñas do transporte escolar (o transporte non pode determinar os horarios dos centros), crear aulas matinais que permitan a conciliación da vida familiar e laboral, etc., partindo da base de que en educación "facer máis con menos" é unha falacia e con tales falacias o único que se logra é o deterioro do ensino público.

Mentres non se elabore a nova rede, o conselleiro débese sentar xa,e sen dilación, a dialogar ata atopar unha solución provisoria dun só curso para as familias que sofren as consecuencias de "componendas educativas coxunturais" que, lonxe de solucionar problemas, o que fan é agravalos, comprometéndose a ter en vigor unha rede en setembro deste 2017.