Xa chegou, sen decatarnos, o momento das boas intencións. O momento no que o noso corazón se sensibiliza dunha maneira descoñecida e nos pide unha boa obra para co semellante. Por iso necesitamos dos necesitados. Dos que sofren. Dos que non teñen nada para levarse á boca. Grazas a eles, liberamos, aseamos e limpamos as nosas sucias conciencias. Esa esmola que estes días imos a dar, é tamén ese acto liberador que nos permite despois gozar de todas as tentacións que nos rodean.

Todo isto venlle moi ben a esta nosa moral católica, que por certo, aínda tanto nos condiciona. Por iso procuramos as desgrazas alleas, asomen estas por onde asomen. Agora ben, sempre a certa distancia. Unha distancia que nos permita achegarnos como e cando a nos conveña, como neste momento de nadal, para despois, novamente, volver a contemplalo todo dende o noso sofá.

Aínda así, animo a todo o mundo a ser solidario. E a mirarnos, tamén, de cando en vez ao espello. Mais non por unha cuestión de estética. Senón por unha cuestión de recoñecerse. Para que nesa imaxe poidamos vernos, a nós mesmos, reflectidos na nosa propia desgraza. E non sempre na allea. E xa para rematar, só me queda desexarvos a todos, un bo nadal!