Non creo que a culpa de que aumente o acoso, e a violencia, nas escolas sexa das Redes Sociais. Non son culpables dos memes misóginos e agresivos ata o tuétano, nen das letras das cancións que absorben con avidez os adolescentes mentres se lles dispara a testosterona. Non son culpables dos insultos e das blasfemias. Tampouco creo que pechando as portas, podamos conter o acoso nas redes (a propia denominación 'cyberbullying' paréceme aparatosa e tendenciosa).

O outro día, un grupo de adolescentes saían do colexio falando das Redes coma se fosen o novo demo a combater. Paréceme un camiño perigoso que se pode volver en contra. É volver á educación do medo e da culpa. En vez de darnos armas para defendernos, atemorízannos.

A rede é unicamente o mensaxeiro que convida a bailar e a distribuír as mensaxes. Claro que para ben ou para mal, a información corre sen límites, coa facilidade dun click. Pero o verdadeiro problema da violencia está dentro das aulas, e da sociedade. E as Redes Sociais, os memes, os vines e demais ferramentas, poden, se as utilizamos ao noso favor, axudarnos a crear unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Aprendamos a manexalas, en troques de matar o mensaxeiro.