Redondela conta con dúas piscinas municipais: unha na parroquia de Chapela, en Arealonga, xestionada pola empresa Aqualia, e a outra no casco urbano, na marisma, xestionada por Serviocio. Estas empresas concesionarias destes dous servizos públicos están suxeitas a cumpriren o articulado do contracto firmado e as ordenanzas que o concello ten aprobadas para o bo funcionamento destas e doutras instalacións municipais (entre elas, a Ordenanza Reguladora do Galego no Concello de Redondela).

Pois ben, nin unha cousa nin a outra. Estas dúas empresas (as demais concesionarias dos outros servizos están na mesma situación) fan e desfán ao seu antollo como se dunha empresa privada se tratase: incumprindo o contracto firmado no seu día co concello e excedéndose nas súas competencias para un maior beneficio económico. A de abastecemento de augas, ante unha protesta por non reparar o firme do camiño despois de arranxar unha rotura contestaron: "Estamos á espera de que o concello teña asfalto no depósito para arranxalo". Mentres isto ocorre acotío, os políticos responsables, no caso que nos ocupa os da Concellaría de Deportes, non se decatan ou miran para outro lado.

Desde hai moitísimo tempo, nas empresas fanse auditorías e enquisas para coñecer todos os pormenores necesarios para a boa marcha da mesma: o cumprimento das normas entre os seus clientes ou asociados, o grado de satisfacción do servizo prestado, etc., etc. Por que o concello non fai nada disto entre os usuarios dos servizos que as empresas privadas realizan para a institución?

As piscinas están en boa medida "a monte" no que se refire ao cumprimento do convenio, os regulamentos e as ordenanzas; todo isto mesmo despois de que unha delas fose denunciada varias veces por parte dos usuarios: neste mesmo periódico, ante o concello e mesmo ao Valedor do Pobo.

Vexamos: dentro das instalacións hai varias salas para distintas actividades, pero a algunhas delas só ten acceso quen paga unha segunda cota que tamén lle dá dereito para que un monitor lle explique como realizar os exercicios adecuados ás súas necesidades e como utilizar as distintas máquinas; o resto da "tropa" imos aprendendo de orella. Así, dunha forma de "tapadillo" (estas prácticas non constan en ningún convenio) as empresas melloran os resultados económicos. Isto é tanto como se nunha autoescola nos dixesen que o monitor que nos ensina a conducir temos que pagalo á parte, ou que no transporte público-municipal temos dereitos distintos dependendo do que paguemos polo billete. Un disparate.

O concello ten que garantir un servizo público uniforme, é dicir, que cubra as necesidades de todos sen distinción e responsabilizarse de que non sexan utilizados por terceiros con fins fraudulentos e antirregulamentarios.

Recentemente o pleno municipal aprobou a denuncia do contrato coa empresa que xestiona o servizo municipal de abastecemento de augas, Aqualia, unha proposta presentada pola Agrupación de Electores. A medida aprobada permitirá que o servizo saia novamente a concurso, ou sexa remunicipalizalo no 2018, ano no que remata a concesión. A proposición contou co apoio de todos os grupos da oposición e o voto en contra do PP, quen argumentou que remunicipalizar este servizo é inviable porque "o concello non conta cos medios nin os traballadores para xestionar un servizo tan complexo como este" e cualificou a proposta de "improcedente e inconsciente ao carecer dun estudo previo".

Pois señorías, o dito máis arriba, vostedes nin unha cousa nin a outra. É dicir, nin son capaces de xestionar un servizo porque é "moi complexo", pero tampouco son capaces de controlar e facer cumprir a lei á empresa que o xestiona. Isto ten un nome na xestión da empresa pública, na privada e en política. Enténdese o que quero dicir, non?