Son lectora de xornais desde pequena, os meus tíos tiñan un bar e unha imaxe habitual era ver ao meu tío, sentado sempre na mesma cadeira, lendo o xornal. Eu achegábame, sentábame nos seus xeonllos e liamos as tiras cómicas.

Aos poucos foronme interesando outras seccións, pero teño que recoñecer que as tiras -ou viñetas- seguen tendo, para min, unha consideración importante. Mistúranse entre a lectura e quedan gravadas máis profundamente que as noticias, moitas veces son unha síntese intelixente do texto sisudo.

É por iso que sempre admirei aos ilustradores/as que día a día sintetizan o sucedido e arríncanme un sorriso, Quino, Bill Watterson, Jim Davis, Charles Shulz, Forges, O Roto, e aquí en Galicia, Luís Davila.

Pero agora, en que leo máis periódicos en pantalla que en papel, teño que buscalas, xa non se filtran na lectura. Colocadas habitualmente no foso -ou final da páxina, e mesmo ás veces, nin iso- están a perder a súa función. A súa importante función de contarnos as noticias a través do humor.