cartas al director

Petróglifos en Redondela

07.12.2016 | 04:29

Meu nome é Xurxo Constela e son veciño de Trasmañó, en Monte Penide, Redondela; son arqueólogo de profesión, practico a Arqueoloxía de xeito profesional convertida ademais nun "leitmotiv".

Vivo pegado ao monte de Penide/Mirallo coñecido pola súa grande profusión de xacementos arqueolóxicos (máis de 80, como así o reflicten os inventarios da Xunta de Galicia). Unha satisfacción, imaxinaran os que lean estas liñas, para calquera persoa da miña dedicación... Máis alá desta afirmación, os meus paseos polo monte convértense nun calvario de problemas relacionados coa falla de respecto cara ao patrimonio cultural (e natural por derivación): motocros e bicis de montaña circulando por riba das mámoas e os gravados rupestres; desterres e achandados que afectan aos xacementos; entulleiras ilegais; incendios forestais; gravados rupestres de máis de 4.000 anos rabuñados cunha pedra ou pintados con sprays; e así un longo etcétera.

O día 9 de novembro de 2016 arrancou o proxecto de construción dunhas pasarelas para observación de petróglifos e mellora de accesibilidade, nos grupos de gravados rupestres prehistóricos de Poza da Lagoa e Chan da Cruz, en Monte Penide/Mirallo de Redondela. O arranque do traballo estivo cheo de congratulacións e felicitacións ao respecto dun traballo de posta en valor deste tipo, que consideramos que so pode resultar enriquecedor para todos e todas.

A construción destas pasarelas axudará na valoración dos gravados rupestres, xa que, estes dous conxuntos foron moi maltratados polo paso do tempo a través de accións e actividades económicas do ser humano. Valoración dirixida cara ao público visitante pero, sobre todo, cara á veciñanza máis inmediata, xa que logo, a maiores da propia administración, as Comunidades de Montes propietarias son as albaceas da conservación deste patrimonio.

Ademais, as pasarelas redirixen a observación dos gravados impedindo que se pisen os penedos; co problema engadido de que Chan da Cruz está incluída nun percorrido polo que pasan motos de motocrós e bicicletas de montaña por riba da rocha.

Instaláronse paneis explicativos, necesarios tamén para esta valoración dos xacementos. Insistencia e esforzo, sobre todo, na reposición do panel con información xeral de recibimento en Poza da Lagoa, destruído xa en dúas ocasións (a última incendiado). A súa reposición reafirma a vontade e o compromiso da dirección da obra, quen subscribe este texto, da veciñanza comprometida co patrimonio, e da corporación local que comezou co desenvolvemento do proxecto de musealización de "montepenideprehistórico.com".

E por último, e non menos importante, a vontade de eliminación das barreiras, neste caso naturais que non arquitectónicas, creando unhas estruturas que permiten a accesibilidade universal sen restricións ás cadeiras de rodas.

Os traballos de posta en valor e recuperación da arte rupestre teñen un obxectivo a longo prazo, a achega de cada un de nós, na medida das súas posibilidades, poderán seguir xerando as sinerxías necesarias para a valoración da arte rupestre, ata chegar a ser conscientes de que contamos cun dos conxuntos de arte rupestre máis importantes do continente europeo.

Pasaba media hora exacta despois de escribir esta declaración de intencións, cando subín a Chan da Cruz dando un paseo e atopei a pasarela recen rematada e aínda non inaugurada, destruída en parte por vándalos, 5 metros de pasarela arrincados.

Que facer ante esta tesitura? Tirar a toalla? Marchar derrotado directamente a vivir a outro lado para fora das nosas fronteiras, onde si se respecta o patrimonio de todos e todas como fonte de riqueza e identidade...?

O próximo día 9 de decembro está programada unha andaina por Monte Penide para ver, precisamente, este patrimonio de noite, e amosar as pasarelas conseguidas con moito esforzo. Que estado de ánimo imos levar a este paseo? Que lle imos contar aos pequenos e pequenas que nos acompañen? Cómo lles imos explicar estes comportamentos de persoas adultas (poida que incluso pais e nais) que destrúen os bens que o Concello creou para a colectividade motivados por intereses ou vontades persoais...?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine