Hai uns días Pablo Iglesias levantou a polémica declarando que "a feminización da política non se logra con máis mulleres en cargos de representación" senón que hai que esforzase en construír comunidade e incorporar o coidado á política, creando redes de apoio sociais.

O problema é que nos tempos que vivimos, no que o 85% da cúpula política son homes, creo que non é cuestión de elixir cal é a mellor opción para feminizar a política, porque se necesitan todas. Todas, e simultaneamente, son importantes.

En realidade a polémica é a vella discusión sobre as cotas que, de cando en vez, rexorde. É evidente que se as mulleres non deixamos de ocuparnos do coidado, non poderemos dedicarnos a cargos de responsabilidade nas empresas, nin na política. É por iso que ademais de políticas sociais e comunitarias é urxente que os homes se feminicen. Como recoñeceu Iglesias, unha vez que se desencadeou o debate, dicindo "son o primeiro que teño que aplicalo".

Está ben recoñecelo, pero mellor sería facelo. E non o digo só por Iglesias, creo que a idea de que "de nada serve poñer como portavoces a mulleres se estas non están feminizadas" pénsano moitos home -e mulleres-. Empeñados/as en esixir ás mulleres un grao de perfección que non se lles pide aos homes, porque se é así, entón, podemos empezar a esixir que dimitan todos os homes que non están feminizados?