24 de noviembre de 2016
cartas al director

Compromiso de vida

24.11.2016 | 05:09

O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, queremos visibilizar e rexeitar a incesante violencia machista. Trinta e nove mulleres foron asasinadas no que vai de ano; trece delas (o 33,3%) presentaran denuncia e só seis (o 19,4%) dispoñían das medidas de protección en vigor.

No ano 2015 presentáronse 130.000 denuncias en todo o estado español e 15.325 renunciaron a continuar co proceso. Isto evidencia as carencias que soportan as vítimas en atención xurídica, psicolóxica, de servizos sociais, etc.

A falta de protección pon en risco a vida das mulleres. As unidades de valoración integral do risco son insuficientes, como o son todos os recursos públicos para a prevención e protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.

Ao drama das mulleres asasinadas por violencia machista vai ligado o dos menores orfos e orfas: 51 no 2015 e 25 no que vai de ano 2016.

A prevención, a protección e os dereitos son fundamentais na erradicación desta epidemia social, que topa con moitos déficits debido á parálise da acción gobernamental e a insuficiencia de políticas públicas para garantir unha resposta integral fronte á violencia machista.

É imprescindible investir máis na prevención e, sobre todo, na educación. No eido educativo deben potenciarse as relacións igualitarias entre persoas para acabar con todo tipo de discriminación. Por iso insistimos na necesidade de que se forneza os centros educativos dos medios para desenvolveren a concienciación contra a violencia ás mulleres. A violencia masculina non é natural, senón aprendida, e pode substituírse por valores positivos baseados no respecto, na tolerancia e a igualdade. A mellor maneira para erradicar a violencia de xénero é mediante accións preventivas, enfocadas desde a aprendizaxe e as boas relacións entre ambos os sexos: a coeducación.

A violencia contra mulleres e menores non se limita a unha cultura, relixión ou determinados países, nin a grupos particulares de mulleres na sociedade, e non e só física, tamén é violencia económica, psicolóxica, sexual e simbólica.

A violencia simbólica actúa de maneira sutil e atravesa todas as expresións culturais nas nosas sociedades. O seu obxectivo é manter e reforzar a desigualdade entre mulleres e homes, desigualdade que promove a violencia de xénero en todas as súas manifestacións.

Combater a violencia de xénero debe considerarse unha cuestión de Estado e debe implicar a toda a sociedade. Desde CC OO, como organización sociopolítica, reiteramos o noso compromiso permanente en colaborar coas institucións e organizacións implicadas no desenvolvemento de medidas de prevención e erradicación da violencia contra as mulleres

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 
Enlaces recomendados: Premios Cine