10 de noviembre de 2016

Roberto Blanco Torres

10.11.2016 | 05:19

Hai pouco caeu nas miñas mans unha biografía deste grande xornalista e poeta, e decidín escribir esta pequena carta de homenaxe. Moita xente xa o coñecerá, pois foille adicado o Día das Letras Galegas de 1999, pero nunca está de máis relembrar os nosos ilustres devanceiros. Naceu en Cuntis (Pontevedra), en 1891. O seu pai colgara os hábitos e casara, proporcionándolles aos seus fillos unha sólida formación. Con 15 anos, Roberto emigrou a Cuba, onde coñeceu e tratou a Curros Enríquez. Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Basilio Älvarez... e onde exerceu como xornalista, profesión que consolidaría cando -dez anos despois, en 1916- regresou á Terra, traballando en cargos de dirección e colaborando en numerosos xornais en castelán e en galego. E incluso publicou numerosos artigos na prensa feita en Madrid. Os seus artigos eran comprometidos e combativos e neles destacaba o seu amor por Galicia, o seu idioma, historia, cultura e polas súas clases populares. Participou tamén activamente nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos. Participou na Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918, que proclamou que Galicia é unha nación. Durante a Ditadura de Primo de Rivera pelexou coa censura, non sempre con éxito; pero algunha vez ata a logrou burlar, escribindo na prensa en latín. Portela Valladares, propietario de El Correo Gallego, no que Blanco Torres -naquel intre- era redactor xefe pretende poñer o xornal ao servizo do Réxime e Blanco Torres dimite, chamándo-lle indigno, motivo polo que é denunciado por aquel e absolto en primeira instancia pola Audiencia de Pontevedra. Portela recurre aos tribunais centrais de Madrid, onde Roberto é condenado a pagar unha multa de 1.500 pts. e ao desterro a máis de 150 km. de Vigo durante dous anos. En 1931, coa fin da Ditadura, é elexido membro directivo da Federación Republicana Galega, igual que o fora un ano antes da Asociación de Escritores Galegos. En 1932, Casares Quiroga, ministro da II República, promóveo como Gobernador Civil de Palencia, cargo do que dimitirá pouco despois. Por criticar na prensa a dura represión de Asturias, foi procesado e recluído un tempo no cárcere Modelo madrileño, sendo absolto pouco despois. Aínda que coñecía e trabou amizade con Castelao e Bóveda, el movíase na órbita de Izquierda Republicana e en maio de 1936 é nomeado xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación. A sublevación militar cólleo en Galiza, onde pasaba as vacacións. É detido e encarcerado, primeiro en Ourense e, despois, en Celanova, onde é paseado (é dicir, asasinado). Tiña 44 anos e a súa dona, Xulia, 41. Ademais dos seus artigos, deixaría publicado un libro de poemas, titulado: Orballo de media noite. Remato cunha estrofa súa: "Loitador, non te deteñas! / ¡Levas a verdá no peito, / e a estrela que te guía / ten resplandores eternos!" .

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 
Enlaces recomendados: Premios Cine