O venres 4 de novembro outorgáronse en Galicia os primeiros Premios de Comunicación e Márketing, un acontecemento que pasou de forma discreta en case todos os medios de Galicia, salvo honrosas excepcións -como foi este periódico-.

Os premios, organizados polo Clúster de Comunicación Gráfica, teñen como obxetivo dar a coñecer os mellores proxectos de creatividade e deseño realizados no último ano. Paréceme moi importante recoñecer ás empresas e institucións que apostaron polo deseño e que souberon escoller ao mellor profesional para que comunicase con efectividade os seus produtos, indubidablemente, creo que son os verdadeiros protagonistas. Pero creo tamén que é oportuno, se queremos apoiar o deseño e darlle visibilidade, recoñecer aos que están detrás: aos profesionais do deseño e da comunicación.

Aínda que tento facer o esforzo, non podo imaxinarme uns premios de arquitectura, de cinema, de literatura, de investigación ou de calquera profesión, sen que apareza o autor ou a autora. Imaxínese, a editorial "X" gaña o premio pola obra "Tal", desde logo que non valorariamos o mesmo a publicación, porque o autor/a é unha importante referencia -ao igual que a editorial- para o prestixio e a valoración do produto.

Creo que o deseño, aínda que cotián, é un gran descoñecido para moita xente que, sendo consumidores de publicidade, non se acaba de entender ben o labor dos diferentes profesionais da comunicación, é por iso que me parece unha estupenda ocasión para que os medios poidan axudar a realizar este labor.