Patriota: "Que ama ardentemente a su patria e quere serlle útil". Patriotismo: "Calidade do patriota". Patriotero: "Que alardea excesivamente de patriotismo". O pasado 12 de outubro, día das Españas, da Hispanidade, das razas ou do que... cada quen queira celebrar; eu escoitei a radio. Radiaban unha desas tertulias que tanto "ilustran" deformando e desinformando ó persoal; nela, unha xornalista de pro polos moitos anos de profesión, Sñra. PC. (non confundir con Partido Comunista), de raíces galegas pero pacendo en Madrid, laiábase do pouco que os españois manifestamos o noso fervor patriótico: "Porque yo, que he viajado mucho, compruebo que en otros países este sentimiento se hace más... patente".

Eu, que estaba horizontal, peguei un chimpo instintivo que case caio do catre. Porque..., o que si merece o cualificativo de heroica é a súa petición de patriotismo ó común dos habitantes das Españas, ca que nos levan chovido por enriba do noso ánimo (onde mana o patriotismo) nos últimos anos, polos responsables de nos estimular ese sentimento, léase: Institucións do Estado.

Atreverse a demandar patriotismo a: pais dos 1.140.000 meniños cuxa alimentación é deficiente; ós centos de milleiros de persoas agardando anos para unha intervención cirúrxica ou que antes finan ca reciben o medicamento preciso; outros tantos pensionistas que malchegan a final de mes; ás persoas que vemos alimentándose cos resíduos que tiramos os demais; ás familias que se desafiuzan para devolvérllelas vivendas ós bancos, por non poder pagalas; ás que sufren as carencias no medio educativo, no sanitario, nas prestacións sociais; ós milleiros de mozos que buscan a vida polo mundo adiante porque a súa patria llela nega. ¡A bofé que a súa petición resulta heroica, se non atrevida!

Porque, cartos... hai, pero para "salvar" ós ¿.? que Vde. ben sabe, ou para que, aqueles "patriotas" e amnistiados fiscais que declarándose devotos constitucionalistas, envolvéndose a cotío na bandeira e cantando o "cara al sol", se fai falta, os "emigran" a eses paraísos que eles ben saben e Vde. supón, privándonos, a todos, da riqueza que eses cartos e os preceptivos tributos xerarían.

Sñra. PC.: Vde. coñece mellor ca min as falcatruadas (presuntas) que as máis altas Institucións do Estado (non todas) nos veñen inflixindo, polo que, a xeito de relembranza, permitome lembrarlle: "Me equivoqué. Lo siento. No volverá a ocurrir". Partido gobernante, empapelado. Tribunal Constitucional declarando as corridas de touros: Parte do noso patrimonio cultural e prohibíndoos en catalunya, sen tempo para dicirlle ó Goberno que cumpra a Constitución rendendo contas perante o Parlamento. Un presidente do Tribunal Supremo, presunto afiliado ó partido do goberno. Un embaixador en Londres, con antecedentes de ministro "marca españa". En fin, un ministro con negocios en Panamá, presuntamente, designado para o Banco Mundial, etc., etc., (...).

Alguén deixou escrito: a patria é o refuxio dos: canallas, cobardes, sátrapas. Elixa Vde. e sinta patriotismo canto queira; pero..., un mínimo de respecto cando emitamos xuizos referidos a sentimentos alleos.