A memoria das Cinzas

29.10.2016 | 05:04

A Igrexa católica vén de prohibir que se esparexan as cinzas dos defuntos polo ar e polo mar ou que se teñan na propia casa ou calquera outro lugar salvo o cemiterio, a propia igrexa ou algún recinto sagrado parello a ela. Disque para evitar paganismos, panteísmos ou achegamentos demais á nai natureza. Parece ser que a inhumación, ou sexa, o enterramento en terra sagra é o pasaporte idóneo para pasar a mellor vida. Di o Papa, ao non tocar a ialma o lume, que a cremación non está proibida anque a igrexa prefire a inhumación. Eu pregúntome por qué entón non proíbe tambén os chalés adosados nos cemiterios parroquiais. Porque ate onde eu sei, hoxe xa non se inhuma a ninguén. Inhumar é meter o corpo no humus da terra non no nicho de cemento. Sospeito que se tira ben máis rendemento económico enterrando que queimando, sobre todo se dun mesmo anaco de terra se ergue un rañaceos mortuorio. Os que moran no ático sempre están máis perto do ceo. Especulación tanatocrática ou escaseza de terra? Non sei. Eu, certamente, só gosto dos melancólicos cemiterios aldeáns de vedraña pedra do país onde as ervas e froles ventureiras do esquezo fannos meditar no absurdo da vaidade humana. Onde alumea de lonxe unha tremelante candea arrubecida no cadaleito máis novo e onde amarelece no misterio a foto esborrelada dunha velliña de ollos pretos da que non fican nen cinza!

O cemiterio é a parroquia dos mortos sempre á par dos vivos. Eu confésovos que gosto dos cemiterios. Non por fe pois non acredito en moitas almas vivas como para o facer nas do alén! Gosto dos cemiterios como gosta o Papa, por motivos colectivos. A cremación é antinatural. É como unha ansiedade transitoria. Querer acelerar a viaxe roubándolle aos vermes o seu único sustento e contaminando o ar das cidades con anacos de cidadáns en suspensión que deixan na veciñanza un cheiro a croisant vernizado do máis estarrecedor.

Por outra banda, botar as cinzas ao Ganges non fixo ao río máis sagro senón máis contaminado. Para min denota unha elegante xenerosidade o costume kikuyu de expor ao defunto na pradeira africana para que os leoes e as hienas dean conta de el. Mentres que gardar á avoa nun andel do aparador ou levar ao amor da tua vida incrustado no diamante da sortella é dunha tétrica frivolidade. Claro que cada un ten seu sentir. Há moita xente que bota as cinzas do defunto ao mar cando ao mellor en vida nen mollou os pés nel e porén ás viúvas dos mariñeiros atérraas non atopar o corpo de seu home e non só por mor de poder cobrar a pobre pensión de viudedade!

Mais a dúvida que a min me trae de cabeza é cómo vai facer a igrexa para obrigar aos crentes a cumprir a obriga? Cámaras ocultas? Levantamento de cinza notarial? Revisión do catastro funerario? Corpo de guardas crematísticos con adicación exclusiva? Tremendo dilema para unha igrexa que xa escasea en vocacións sacerdotais e en ingresos por servizos funerarios. As cinzas ácratas que non fican en camposanto crean poucos postos de traballo. Aforran albaneis, carro fúnebre, enterrador, párroco, candeas, lápidas... coroas e ramos. E sobre todo o nicho que é o único elo interxeracional a parte do wasapp pois nen na outra vida se remata de pagar!

Pero o máis triste de acaparar ou esparexer as cinzas é que aceleramos o esquecemento ao dispersar. Se a morte remata cunha expiración, cunha dispersión do ar, para qué seguir dispersando? Quen podería rendir culto aos grandes e saber que foron un tempo reais, que o seguen a ser na nosa memoria se lles roubamos o seu espazo? E se Blanco-Amor andara en cinzas perdidas no canto de ficar no cemiterio de Ourense? Rosalía tería mudado o verso por: ...que espallar me han espallar anque non teña diñeiro! E pode que Castelao escollera voar no ar para evitar a aqueles que o meteron no panteón de Bonaval.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 
Enlaces recomendados: Premios Cine