Un recente informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre a contaminación atmosférica no mundo confirma que a metade da poboación galega respira aire contaminado por partículas finas (PM 2,5), segundo o nivel que a propia OMS recomenda non superar, máis estrito que o legalmente vixente. A noticia xa é dabondo preocupante, pero a realidade é aínda peor se, ademais das partículas finas, consideramos outros contaminantes do aire que respiramos (partículas grosas, dióxido de xofre, ozono troposférico). Segundo os informes anuais sobre a calidade do aire no Estado español elaborados por Ecoloxistas en Acción, a partir dos datos oficiais recollidos nas estacións de medición de administracións e grandes empresas, practicamente toda a poboación de Galicia respira aire nocivo para a saúde segundo a OMS, aínda que non se superan os niveis legais, claramente insuficientes para unha adecuada protección da saúde humana e do medio ambiente á luz da investigación científica.

Segundo o tipo de áreas afectadas e de contaminantes, distínguense tres grandes situacións en Galicia: as cidades invadidas polos coches e contaminadas por partículas; a contorna de grandes industrias onde o aire presenta concentracións nocivas de dióxido de xofre; e o rural da maior parte do país, vítima da contaminación por ozono malo que se forma durante a primavera e o verán a partir das emisións do transporte e das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama.

As centrais de carbón son, con diferenza, as industrias que máis deterioran a calidade do aire. Ademais, son enormes fábricas de cambio climático, un problema diferente ao da contaminación do aire mais moi ligado a el. Varios estados europeos abandonaron ou prevén abandonar nos próximos 10 anos o uso do carbón na produción eléctrica (Bélxica, Reino Unido, Austria, Portugal,...). En Galicia, co visto e prace de partidos e sindicatos, vaise prorrogar por uns 20 anos máis a vida das nosas vellas e ineficientes centrais, alimentadas hoxe só con carbón de importación, coa excusa de reduciren algo as súas emisións.