Como veciño de Pontevedra e usuario do servizo público de saúde, quero denunciar o mal funcionamento do Servizo de Neuroloxía do Hospital Provincial. Este defectuoso funcionamento que -ao meu entender- ten que ver coa política de recortes practicada pola administración e non coa profesionalidade e trato do persoal do citado Servizo, que en todo momento foron satisfactorios.

O pasado 20 de abril acudín ao Servizo de Urxencias de Montecelo cunha forte cefalea, tras a realización dun TAC cerebral, foime diagnosticada unha hemorraxia cerebral e derívanme ó Hospital Provincial, no que permanezo ingresado ata o día 26 no que fun dado de alta. Nesa mesma data dáseme cita para o día 21 de xuño indicándome que previamente sería chamado para facer un novo TAC cerebral, chamada que non se chega a producir. Acudo á consulta externa de Neuroloxía e son informado de que un erro do sistema informático impide que poida ser atendido, pospoñéndose a miña cita para o 4 de abril do 2017. O que me leva a presentar unha reclamación no Servizo de atención ó paciente, mudándose a data para o 8 de agosto do ano en curso. Chegada esa data, recibo unha chamada anulando unha vez máis a cita, que se ve retrasada ao día 25 dese mesmo mes. Neste período de espera realizo dous novos TAC cerebrais, os días 13 e 20 de agosto, e unha nova anulación (desta volta pola falta de médicos debido ás vacacións) retrasa a miña revisión, que queda aprazada ata novo aviso. Este novo retraso, absolutamente inxustificado,colma a miña paciencia e lévame a realizar unha nova reclamación na que entre outras cousas solicito o cambio de médico e a realización da revisión o máis rápido posible... Finalmente, fai un par de

días, dáseme cita co xefe do Servizo para o día 6 de setembro, o día anterior anulan novamente a cita. Preséntome igualmente na consulta e despois de solicitalo con insistencia consigo que finalmente me atenda o médico.

Dende o 21 de xuño, data da primeira cita, prodúcense 4 aplazamentos.E tivo que ser no último destes e tras entrar na consulta, sen cita, e manifestar a miña indignación e o proposito de non moverme de alí ata que me atendesen, que finalmente conseguín ser atendido. Unha situación que considero absolutamente intolerábel e que supón unha burla e unha tomadura de pelo que, ademais, pode ter consecuencia s importantes para a miña saúde. Pero o meu caso non é o único. Esta situación penso que repítese para moitas outras persoas que

-con seguridade- están sufrindo as mesmas consecuencias derivadas da falta de atención e a ineficacia da administración sanitaria.

E como xa adiantaba ao principio do meu escrito, considero que estas irregularidades son consecuencia dos recortes na sanidade, uns recortes que levan a non cubrir as baixas nin as vacacións dos profesionais, véndose na práctica as plantillas reducidas a costa de non atender á cidadanía. E fronte a esta realidade, desde a Xunta séguese a vender unha situación idílica da xestión da sanidade, unha situación na que non existen listas de espera, nin redución de persoal ou número de camas..., unha situación que, en fin, dista moito de ser verdadeira.