A maioría da xente coñece pouco da nosa Historia. É por iso polo que fixen este pequeno artigo con afán divulgativo:

A Irmandade de 1431-1433:

Esta revolta produciuse nos dominios dos Andrade: Ferrol, Pontedeume e Vilalba. Os participantes deste movimento antiseñorial agrupáronse nunha irmandade, coa que o campesiñado logrou poñer en serio perigo o señorío. Uníanse nela fidalgos, burgueses e campesiños. Iniciouse en Ferrol, como reacción municipal pola súa perda da condición de reguengo e a súa posta baixo xurisdición dos condes de Andrade. O dirixente da revolta foi Roi Xordo, fidalgo rexedor no Concello de Ferrol, que se dirixe ao Rei para solicitarlle -infrutuosamente- o restabrecemento da súa condición de reguengo. En vistas deste fracaso, exténdese por toda a mariña un levantamento, durante o que se ocupan ou cercan as fortalezas dos Andrade, obrigando ao conde Nuno Freire a fuxir. Porén os irmandiños fracasan no seu intento de entrar en Compostela, uníndose contra eles o arcebispo, o conde e o rei. A batalla campal sáldase coa derrota dos irmandiños e Roi Xordo e outros son condenados a morreren aforcados.

A Grande Revolución Irmandiña de 1467-1469:

Esta revolta comezou nas cidades, onde os veciños se agruparon en irmandades, coas que pretendían poñer freo aos abusos señoriais e anular os señoríos xurisdicionais. O rei Henrique IV pretende frear o poder da alta nobreza e alto clero e apoiarse no povo, dándolle maior protagonismo aos concellos urbanos burgueses. Os privilexiados rebélanse e a Irmandade conta co apoio real, defendendo esta a legalidade. Os nobres apoian a bandidos que asaltan e rouban, refuxiándose despois nos castelos. As irmandades unen á burguesía urbana, ao campesiñado, a parte da fidalguía e a parte do clero (os cabildos catedralicios de Tui, Ourense e Santiago intégranse nas irmandades e axudan a sostelas economicamente).

Había unha Irmandade Xeral do Reino de Galiza e Irmandades locais espalladas por todo o país. A maior parte da aristocracia (Lemos, Fonseca, Andrade, Soutomaior, Pimentel,...) fuxe do reino, refuxiándose en Portugal ou en Castela. "En este encomendio levantouse toda a terra en Santa Irmandade" (Rui Vasques, Crónica de Santa Mª de Iria). Os irmandiños asaltan e destrúen a maior parte dos castelos de Galiza. Os seus líderes militares eran os fidalgos Pedro Osorio, Diego de Lemos e Alonso de Lanzós. Agás o caso da Mitra Compostelá liderada por Fonseca, mosteiros e igrexas líbranse do asalto irmandiño e seguen gozando dos seus privilexios. Nas irmandades non se permitían vinganzas nin disputas personais, só xustiza. Restabrecen a seguridade pública, restitúen aos seus donos os bens usurpados polo clero, mantéñense os dereitos dos propietarios rurais,... Porén as irmandades perden o apoio real -pois a monarquía pacta coa aristocracia- e deserta a fidalguía. Pedro Madruga, entrando con tropas desde Portugal, encabeza o contraataque nobiliar. O exército de Fonseca entra desde Salamanca. O de Lemos desde Ponferrada. E os irmandiños son derrotados. A represión foi limitada porque os irmandiños actuaran dentro da legalidade e porque os señores non podían privarse dos seus vasalos nin impoñerlles multas imposibles de pagar.

No entanto, Pedro Osorio perece nunha prisión dos Andrade e Alonso de Lanzós pasa o resto da súa vida nun cárcere. Restabreceuse o poder señorial e os vasalos son obrigados a reedificar as fortalezas derruídas.

En palabras de David Pérez López, "a Revolución Irmandiña representa a crise do mundo medieval e o camiño á modernidade, ante a incapacidade da nobreza galega de controlar o reino sen violencia"