En discurso de mitin Feijóo defende ca Patroa do Mar non é a Virxe do Carme senón Rosa Quintana, actual conselleira do Mar. Trinta e cinco anos levo traballando de biólogo no mar de Arousa e nunca escoitei disparate de tal calibre... e mira que levo ouvido uns cantos.

Son 10 anos máis vello que Feijóo, coñezo miles de mariñeiros e mariscadoras, teño memoria dunha ducia de gobernos da Xunta e ducia e pico de Executivos do Mar. En retrospectiva constato a profesionalización do sector marisqueiro e un incesante empoderamento feminino, freado no 2016 trala retirada da Lei de Acuicultura.

De resultas destes avances, a Consellería do Mar tivo goberno de dúas mulleres: Carme Gallego (PSOE) e Rosa Quintana (PP). E tres mariscadoras de Arousa Sur saíron elexidas Patroas Maiores de Cofradía: Olga Carou (Carril ), Evangelina Lago e Maria José Vales (Vilanova).

Asegúrolle a Feijóo que a xente do mar de arriba e abaixo que saco a conto nesta Carta ó Director do FARO, témoslle moi claro que: 1) A Virxe do Carme é agora mesmo e será sempre a única Patroa do Mar. 2) Rosa Quintana non é a Patroa do Mar senón que é a actual conselleira do Mar mentres ela queira e o PP goberne. 3) María José Vales tampouco é a Patroa do Mar de Vilanova senón que é a actual Patroa Maior da Cofradía de Vilanova mentres ela queira e sega sendo a persoa máis votada. A cousa é fácil de entender.