Foanpas acusa no FARO DE VIGO ó instituto San Tomé de "blindar" parte da súa capacidade para alumnos do ensino concertado. Non é certo. Pasemos os datos.

O instituto conta con 25 aulas normais de grupo, nin unha máis. Incluso foi necesario preparar outra, que, polo seu tamaño, chamamos coloquialmente "o zulo".

A nosa capacidade máxima oficial son 810 alumnos. O curso pasado se iniciou con 826. O San Tomé está tan masificado como o Álvaro Cunqueiro ou o Alexandre Bóveda.

Con ese número de aulas, non hai capacidade para 5 liñas de ESO. Sabemos que aproximadamente o 75% dos alumnos de 4º ESO continúan os seus estudos no Bacharelato. E hai que respectarlles o dereito de permanencia no centro. Serían uns 112 alumnos cada ano os que pasarían a Bacharelato e se necesitarían 4 liñas, con 8 aulas.

En total, son necesarias 28 aulas normais para implantar nun centro 5 liñas de ESO e as correspondentes 4 de Bacharelato. O San Tomé non as ten.

O San Tomé oferta sempre toda a súa capacidade máxima de prazas de ESO, que se queda en 4 liñas, 120 alumnos por curso. E o único "blindaxe" (reserva de prazas) que realizamos é para alumnos de centros públicos, non para concertados. Trátase dos colexios públicos adscritos Lope de Vega (3 liñas) e Altamar (1 liña). Dado que os grupos en Primaria son algo menos numerosos que en Secundaria xorden en primeiro de ESO unhas 15-20 prazas vacantes. Estas prazas nin se reservan ni se "blindan" para ninguén. O proceso de admisión adxudícaas con criterios transparentes e iguais para todos. Así conseguen entrar algúns alumnos procedentes de colexios concertados, pero máis do 90% procede dos colexios públicos próximos, como o Pintor Laxeiro, o Escultor Acuña ou o "Chouzo".

O San Tomé non é culpable da falta de prazas de ESO en Navia, que está a 3,3 km. Temos adxudicado o Lope de Vega, que está a 3,1 km. Isto quita moitas prazas para alumnos de Travesas, evidentemente. O problema é claro: faltan institutos que estean mellor situados, en A Doblada e en Navia. Foanpas debería documentarse mellor en vez de cargar contra o San Tomé.