Paroxismo e paridade, a rebeldía incompetente das parraguesas

11.09.2016 | 04:55

As parraguesas que dicimos en Ferrolterra, ás que noutros lugares da Galiza chaman pontonesas, barbantesas ou mantis relixiosas, son uns insectos de cor verdosa coas patas anteriores provistas de púas que en repouso adoitan ter unha postura semellante a unha persoa rezando. No pasado, como ben recolleu o Risco etnógrafo, era común que os nenos as cazaran e fixeran das súas con elas.

-Pontonesa, pon a mesa... dicían nalgunhas bisbarras.

A ciencia e o mito apóñenlle á femia da parraguesa a voracidade sexual típica das sociedades patriarcais fundado nese mal costume de trasladar as conductas discriminatorias humanas ao reino animal. De aí que sempre se dixera que as femias, trala copulación, papavan ao macho de contado antes de que tivera tempo sequera, de botar unha soneca pracenteira. Pode que o meirande tamaño da femia nesta especie fora o causante desta lenda. Porque ao que parece, os novos descubrimentos desmenten este parraguicidio da arte amatoria e dos tratados de alcoba barbantescos. Anque non deixa de ser humorístico que a represiva moral sexual dos papalagis occidentais acepte como relixiosa a unha femia desta promiscuidade tan feroz.

A última parraguesa que debín de ollar eu foi no deleixado castelo de San Felipe fai xa anos, no medio da matugueira que medra entre as esquecidas pedras de Entrecastelos. Incluso o único bar de Ferrol que leva seu nome, onde se agochaban os mozos que palmaban ao instituto Concepción Arenal, pechou onde vai que foi!

Un meu curmán, cando era cativo, enchía o portal da súa casa de parraguesas que cazaba nos campos do arredor. Hoxe non fica nin un deses campos. O progreso do crecemento especulativo urbano finou todo, campos e parraguesas. É o paroxismo dun mundo que ergue a bandeira do crescentismo elefantiásico. (Elefantiase, sustantivo feminino. Enfermidade que se manifesta polo engrosamento e rugosidade da pel nos membros inferiores ou no aparato xenital externo).

A política feminista de hoxe remeda moito ao mito das parraguesas. As parraguesas femias vense obrigadas a poñer a mesa e ao tempo copular cos machos nun crescemento elefantiásico que as obriga a se enrugar ao chegar á fin do acto, isto é ao poder político. Mais nen se papan ao macho alfa nen son quen de mellorar os campos de cultivo para a súa propria prole. Aínda así, nos medios de comunicación así como nas hemerotecas dos hemípteros do hemiciclo, pasa por exercer de bárbara barbantesa barbada.

No paroxismo da política actual, todos se dan a encher os seus campos de parraguesas femia. Ao berro de:

-Há que se empoderar! Eu estou pola paridade. Ten de haber o mesmo número de parraguesas ca parragueses e todos poñeremos mesa para o banquete de Platón. Ata os neoplatónicos!

Non dan parido nin superado os campos de gules da heráldica dos heraldos. (Gules, na Idade Media, anaquiños de pelicos recurtados da pel da gorxa dun animal e que servía de ornamento. Na heráldica política, a cor vermella).

O gume do poder ten sempre dobre fío como a cruz e a espada!

Incluso os parragueses que andan espallando o mito do amor caníbal de amazona son paritarios. Paridade, dinlle, empoderamento da muller. Bisbisean nos libros de horas onde se recollen os rezos, as plegarias da liturxia autonómica. Como un mantra de novas mantis relixiosas, as parraguesas empoderadas queren aspirar a ser servidas en mesas, nunca a poñelas. Non son para pór mesas, as mans que rezan.

-Parraguesa, pon a mesa... xa non é o seu xogo! Cando gabean os chanzos, as parraguesas empoderadas metamorfosean e empequeñecen ata aparentar parragueses. Mais unha vez ceibas da pesada cárrega non fan porque outras, menos afortunadas deixen de a poñer. E pola contra, vemos como sentan ao festín dos poderosos, agora empoderadas dese poder da competencia que dá o se saber uncida pola roupa talar.

Elas, que ían romper cercos, tirar os aramios eletrificados das fincas do patriarca. Elas partillarían os matos e florestas e os insectos entre todas. Elas restablecerían os ciclos naturais, trastallados. Os ciclos das lúas e o ritmo lenturento da vida natural trastallados pola globalización, a violencia competitiva e a tecnoloxización e industrialización salvaxe. Elas restaurarían a equidade e a cooperación leal fronte á competencia desleal e atroz dos mercados bursátiles do hemipterio. Elas rematarían co mito misóxino da barbantesa caníbal. Armarían a paz no cultivo ecolóxico da terra e ensinarían a convivencia comunal.

Miñas xoias! Ignoraban que ás súas costas, silandeira, agardando a axeitada temperatura do ar, ou soterrada baixo os campos do patriarca, como un relicario, a carricanta, o saltón do relo agardaba o momento propicio para dar o seu eterno concerto.

No máis outo, entre as nubes do ceo voaba a chicharra á rapina dos pequenos insectos rebeldes.

E todo foi o mesmo. Nos banquetes rituais as parraguesas eran adoradas nun ritus competente mentres nos campos da patria, femias e femios cumprían puntualmente co mito caníbal do axuntamento carnal en feitío de carnaza.

As crenzas orientais teñen á parraguesa por portadora de sorte. Beneficiosa como é para os cultivos. Controladora e reguladora da vida como fai cos insectos pequenos e abondosos que sen ela serían un andazo aterrador. Emperador chinés houbo que parou o seu séquito para deixar pasar a unha parraguesa que se cruzou no seu camiño, temeroso da súa propia sorte e da do seu reino.

Tamén hoxe, as poucas parraguesas que se atopan cun emperador andan o camiño da ascensión competente coas mesmas armas que foron de todos os imperios. A forza, o engano, a soinamoina, a treizón, a espreita, o silenzo cómplice, a envexa, a fuxida... O pór en valor, lle din! Valores patriarcais de barbantesas sumisas que máis que mudar o costume de saír de cazata, escollen o cenario dos machos alfa, afían as púas disimulando un rezo e sentan ao banquete insectívoro cos mesmos gosendros de sempre.

Namentres, as parraguesas vexetarianas e veganas seguiremos a pórlles a mesa a eses comensais e rebeldes competentes de políticas pantagruélicas. Ouh, ulo rebelde Rabelais?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine