Vivindo unha situación difícil que se repite ano tras ano todos os veráns pero que este, por momentos e, se cabe, se fai máis delicada, lembramos un texto dun home cunha integridade que moitas admiramos, José Luís Sanpedro. Contaba a súa experiencia de meses nun hospital, como acompañante dun achegado enfermo. Falaba do seu contacto co persoal de enfermería, como as observaba no seu traballo? "(?) para mí, no eran meras técnicas ni colaboradoras, sino compañía, esperanza, alivio, seguridad y confianza. (?) mi admiración no se limita a esos valores humanos sino además a los profesionales y a la técnica (...) así, hicieron siempre frente a ese reto con la mayor seguridad y eficacia".

Indo a modo e sentindo o seu significado, pasamos da tristura ao abatemento que se vai transformando en rabia. Comentamos estas difíciles semanas as queixas de pacientes, sobre todo familiares, o nerviosismo no ambiente; a impotencia por saber que o traballo non é sobresaliente, en demasiados momentos, nin notable. Sabes que por moito que queiras non podes dar esperanza, alivio, seguridade e confianza cando ti a vas perdendo como profesional.

Algunhas nunca nos definimos como enfermeiras vocacionais e, as veces, o termo e o seu uso molesta; somos profesionais de enfermería e persoas, con todo o que supón: carácter, experiencias vitais, ideais, sensibilidade?

Traballamos nun servizo onde os pacientes pasan por enfermidades longas, graves, con tratamentos agresivos e, en moitos casos, é necesario que estean illados nunha habitación períodos que poden superar un mes, sufrindo distintas complicacións e con repetidos ingresos. Homes e mulleres moi novos, de mediana idade, maiores, pais, nais, fillos, fillas, avós, avoas, con parella, amigos, estudantes, xubilados? Persoas que en vinte e catro horas pasan de ter unha vida "normal" coa súa rutina a estar temendo pola súa vida na habitación dun hospital.

Quen estea a ler isto (grazas ante todo) algunha idea se pode facer do que sentiría: medo, dúbidas e incerteza, ansiedade e centos de pensamentos negativos. Agora imaxina que entra e sae da habitación xente que non coñeces, que fai unha analítica tras doutra, que te pon catéteres, que non para de traer pastillas, soros grandes e pequenos, que te di que tes que ouriñar nun bote, que controla o que bebes? todo con presa, cruzando dúas palabras mentres se dirixe á porta porque a están a chamar polo corredor ou soan os timbres doutras habitacións. Transmíteche confianza? A precariedade na que facemos o noso traballo é a calidade da atención que podemos dar. Só queremos garantir a mellor atención para recuperar a saúde. O entenden os gobernos cando recortan os orzamentos da sanidade pública? E a Dirección de Enfermería cando estando sempre a mínimos de persoal aínda somos menos no verán?