Prezado Xavier: vimos de coñecer a nova da túa dimisión como concelleiro de Cultura de Redondela. Non imos dicir que nos sorprende a noticia, aínda que un pouco si. Sorpréndenos polo que ten de inusual e pouco común pero podemos comprendelo porque sabiamos das túas pretensións e proxectos para a concellaría, manifestadas nas reunións mantidas ao inicio do actual mandato coa Asociación Alén Nós. Falamos do tempo que vai desde maio a decembro do 2015, onde nos expresaras como querías que funcionase a concellaría que, polas moitas carencias coas que conta, entre elas as de falta de persoal, desexabas contar coa colaboración de todos os colectivos culturais para levar a cavo de maneira común e compartida algunhas das actividades do departamento que presidías. Unha delas era a do proxecto "Mudahar" (Museo de Historia e Antropoloxía de Redondela), presentado pola Asociación Alén Nós, pero tamén, que o acrónimo fose o novo emblema para as demais actividades da concellaría. Puxeras tamén énfase na necesidade de constituír o Consello da Cultura Municipal, de repensar o método de elección do redondelán do ano, de reflexionar sobre o carnaval de verán, de considerar a necesidade dunhas xornadas de formación para colectivos culturais e comisións de festas, tomando como base o decálogo das "Mil festas máis para a lingua galega", de cavilar como poderiamos sensibilizarnos para unha maior estima e aprecio polo noso patrimonio material e inmaterial: a lingua, os ritos, as lendas, a historia, os lugares; as obras de relevancia da nosa arquitectura, dos músicos, da desaparición da cultura rural como consecuencia da brutal urbanización da vila, da perda de identidade, da toponimia, tan maltratada no noso concello? Dos valores que lle dan sentido á vida? Mudar: "facer que algo sexa distinto de como era, transformar algo, especialmente un criterio, una actitude, un sentimento"?

Nos meses transcorridos deste 2016 as cousas mudaron, efectivamente, vimos observando unha considerable "desconexión" pola túa parte; non nos é difícil sospeitar e imaxinar os motivos, as túas razóns has ter.

En máis dunha ocasión témoslle escoitado dicir ao alcalde que o labor do goberno municipal ha ser, está sendo, un labor de equipo; certamente tería que ser así, para iso, o alcalde, o máximo responsable do equipo, tiña que coidar dos "perigos" que en moitas ocasións representan as "figuras"; os e as "figuras narcisistas" de calquera equipo, neste caso político. Temos experiencia do que dicimos e no suceso que nos ocupa creo que non nos equivocamos, aínda que, por razóns que tamén entendemos, digas que os motivos da túa dimisión son pola incompatibilidade laboral coa túa empresa.

A Concellaría de Cultura de Redondela case sempre foi aprobeitada para declaracións de lucimento público-político pero internamente sempre foi tratada coma unha "maría", por decisión dos gobernos habidos desde o 1979; só é utilizada para facer manifestacións ocas en determinadas ocasións. Obsérvese cales son os medios e as infraestruturas deste departamento que conta con media funcionaria, a outra media ocúpase de Dinamización Lingüística (por certo, fai milagres). Cando algún concelleiro pretende ser consecuente coa responsabilidade que representa ostentar este cargo nunha vila de 30.000 habitantes ocórrelle o que che está ocorrendo a ti nestes momentos. A hemeroteca do Faro de Vigo pode confirmar o que dicimos. Que che vaia ben na túa nova andaina e outro tanto para quen te substitúa.