Na mesma semana en que soubemos do aumento das emisións galegas de dióxido de carbono e outros gases causantes do cambio climático durante 2015, fíxose pública a confirmación da decisión de Endesa de prorrogar a vida da súa central de carbón das Pontes por 20 anos máis. Gas Natural Fenosa fará o mesmo coa térmica de Meirama. Ambas as dúas reformaranse para reducir as emisións de dióxido de xofre e de óxidos de nitróxeno e con elas a contaminación local. Mais a súas emisións de dióxido de carbono seguirán a ser moi elevadas, a menos que reduzan drasticamente a produción. Se emitisen anualmente tanto como o ano pasado, a súa achega ao cambio climático medraría en algo máis de 200 millóns de toneladas nas próximas dúas décadas, o que equivaldría á suma das emisións anuais actuais de Bélxica e Grecia.

Despois da adopción do Acordo de París contra o cambio climático, ratifícase o alongamento da vida útil dunhas centrais eléctricas responsables dun terzo das emisións de Galicia, cuxa contribución relativa á crise climática global, en termos de emisións por habitante, apenas se contivo nos últimos 25 anos, e mesmo é superior á europea, precisamente por acoller no seu territorio grandes centrais de carbón, o combustible máis sucio. Desta forma, será practicamente imposible reducir as emisións da nosa terra na medida en que sería necesario para contribuírmos, de acordo coas nosas responsabilidades, a atinxir o obxectivo teórico do Acordo de París de non superar en máis de 1,5ºC o aumento da temperatura media global para así evitar unha mudanza climática perigosa. Algo que a estas alturas xa é moi dificilmente factible. En parte, pola decisión de empresas e gobernos de países como o noso que, podendo prescindir do carbón, non están dispostos a facelo por causa de intereses egoístas e curtopracistas.