Paso parte da miña vida por ámbolos dous lados da raia, párteseme o corazón o que estou a vivir nestes días, dame mágoa ver bombeiros, sereas, ambulancias, xente con rabea, preocupada, triste e impotente, asistindo estupefactos ó espectáculo reiterativo dos incendios forestais de tódolos veráns, cal si fora unha irremediable praga bíblica.

Vivimos nun lugar fermosísimo, é un privilexio, nembargantes non temos o medio natural coma unha prioridade e asistimos pasivamente a súa degradación e destrución.

Somos un pobo manso, temos o que merecemos, non entendo como aquel espíritu de "Nunca Máis", non frorece de novo, deberíamos estar todos manifestándonos, esixindo aos que din que nos presentan, que esperten e fagan algo e desaparezca para sempre esta negrura das nosas vidas.

Nin pola dereita nin pola esquerda vexo vontade, nin se albisca ningunha solución nin ideas para rematar con esta aldraxe.

Somos unha nación rica, con abundantes recursos naturais, pero estamos empobrecidos e a expensas de intereses alleos.

Deixando aparte un curto período de tempo que gobernou a esquerda, é dende sempre a dereita a que levou o timón da Galiza, e cal é o resultado final de tódolos estes anos? O PIB na cola do Estado, a pesca, o leite, a gandeiría, o naval, o marisqueo, unha total desfeita, emigración igual ca sempre, poboación envellecida e decrecendo, novas industrias e proxectos, así como novos investimentos casi nulos, o idioma a piques de se perder, o ensino e a sanidade públicas malvivindo a forza de milleiros de cidadáns que se están a manifestar nas rúas para que siga en pe, a ordenación do territorio, sempre pendente, e o feísmo, e a paisaxe, unha constante coa que temos que convivir, pobos, montes e agro abandoados, xente nova desesperanzada, sen ilusión, sen traballo, e collendo de novo as malestas coma os seus antergos para fuxir na procura dunha mellor vida.

Hai alguén por aí?, escoítanme ben?, estou a falar claro? Non dimite ninguén? Eu, polo menos, non me sinto representado polos que están, sinto vergoña, nunha empresa privada, minimamente ben levada, con estes resultados, serían despedidos sen ningunha dúbida.

Para rematar e cenguíndome aos incendios forestais, apuntar que o monte non arde só, débense endurecer máis as leis cós pirómanos, investir máis en prevención e formación, precísase dunha vez por todas unha ordenación racional do monte, involucrar a todo o sector, xunto cas universidades, enxeñeiros forestais, agrónomos, peritos e consensuar tódalas medidas a emprender, poñelo en valor, aproveitar a madeira en tódolos xeitos posibles, porque ten un enorme porvir, non so no Estado e na Unión Europea, fixar xente nova no agro, aproveitar a biomasa, a gandeiría, froitos, cogumelos, oliveiras, castiñeiros, pellets, carbón vexetal, etc., modificar o monocultivo de eucalipto, fomentar máis o turismo recreativo e de montaña, e chegado o caso, prohibir e limitar o acceso ó monte en días vermellos, así coma calesquera outras medidas difererentes das que nos trouxeron ata aquí, que se demostraron totalmente ineficaces e que so están a beneficiar ós de sempre, que queren que todo siga igual e nada cambie, para seguir facendo negocio a conta destes desastres.