"Podería chamar por Agustín, porque entre os dous hai un río de tristísimo outono".

Benquerido Agustín: Levo xa varios días na procura das verbas que acouguen a angustia que oprime o peito e mergulla os ollos; o salutífero desafogo escriturario que limpe o corpo de saloucos.

Comprería o teu silente talento. Ese que empregabas en festexar a lingua e en reivindicar a pisada dignidade dos asoballados.

Admírote desde que me decatei da túa estatura intelectual; acubillada, cousas da vida, nun corpo miúdo. Aprézote desde que ponderei a túa magnitude humana, tan puxante que asulaga tódolos teus libros.

Sinto agora que, cada vez que escriba, heime preguntar se o texto sería do teu agrado. Igual ca no instituto, onde unha palabra túa de aprobación valía máis que calquera algarismo no boletín de notas. E non me dirías agora, se leras isto mestre, que xa me estou pasando de ampuloso, que xa vai isto un pouco "críptico" (sic)?

Heime lembrar tamén, benquerido amigo, cando estea triste, ou ben cando un xesto de vinagre me mude a face, do teu: "Alberto, alegra esa cara, home!". Que pouco aprendín da túa expresión afable, da hospitalaria benvida da túa fisonomía toda.

E se penso mal de alguén, ou adoito unha actitude fría ante o sufrimento dos demais, acordareime de ti. De ti, ben amado amigo, que non tiñas unha mala palabra para ninguén, que prodigabas xeneroso a túa amizade caudalosa, o teu sorriso franco e sendo breces.

Cando a pantasma da soberbia me colla desprecavido, tentarei imitar a túa conmovedora modestia, estupefacta ante os eloxios.

E aprender a non odiar. Coma ti, que non conxugabas ese verbo. Coma ti, que desprezabas, por ridículas e banais, as solemnidades. Coma ti, que non te pregabas á hipocrisía da demagoxia política; pronta a tentarte con recoñecementos, mentres emendaban, de facto, os froitos do teu traballo.

E aprenderei, por ti, a dar as grazas pola vida: "ese galano marabilloso".

E inspirarme na coraxe coa que aforrabas dor ós que te querían, a costa do teu propio.

Todo iso eras ti e moito máis, meu amigo. Un dos bos e xenerosos. Levareite sempre no corazón. Onde gardamos o de bo e fermoso que vivimos. Grazas, Agustín.