É moi común, nas conversas diarias que temos os humanos, falar do que pasa cando andamos polas estradas e rúas con esas máquinas que nos trouxo a revolución da industria, e que cada vez abundan máis.

Por desgracia, cando as guiamos mal causan con demasiada frecuencia graves accidentes. Non quero nin lembrar a cantidade de mortos e feridos que resulta do balance de cada ano.

Os responsables políticos e técnicos da circulación sacan leis e máis leis, poñen sinais, atrancos nas estradas (para que rompamos o coche se pasamos a máis velocidade da indicada), radares escondidos para pillar á minima e cobrar (menudos impostos?).

Penso, e estou totalmente de acordo, que cando nos movemos polas vías son indispensables unhas normas que se entendan e indicacións ben explícitas para saber o que temos que facer en cada momento.

A cousa non está fácil. Pero para que poida resultar é necesario que todos os medios que se poñan sexan ecuánimes e teñan un verdadeiro sentido para o que se quere lograr. Así poderiamos obedecer sen tanta crispación. Para empezar, as estradas e os sinais sabemos todos que debían estar máis axustados á circulación. Con frecuencia se critican estas cousas, por algo será? Á verdade, hai sinais que parece que están máis para recaudar que para previr os accidentes.

Unha vez que teñamos unhas normas e medidas adecuadas, e con sentido común, hai que facer o máis importante: a educación vial. Sempre se está a falar diso, pero quen ten que facelo?

A educación vial, como parte da educación mesma, non se resolve a base de castigo. Ás veces da a sensación que só están para pillarte. Os que dirixen a circulación teñen que ser tamén educadores. Os que educan non se poden esconder a ver se te collen cometendo o mínimo erro. As multas deberían aplicarse só como cando non queremos estudiar os temas e polo tanto veñen os suspensos. O sentido pedagóxico tamén o poden ter os que non se dedican ó ensino. A información e o diálogo son fundamentais. A educación fainos pensar nos demáis, que sería a mellor maneira de evitar os accidentes. "Pensemos nos demais". É cuestión de educación.