Aconteceu en Vilalba o derradeiro falecemento dunha persoa ó dar a volta un tractor e quedar atrapado o condutor na propia cabina. Sería bo coñecer a estatística deste tipo de accidentes, mais polo visto na prensa é moi elevado e o que chama a atención é que ante este grave problema a Xunta permaneza sen tomar medida algunha para evitalos.

E moi fácil en Galicia que os tractores dean a volta por dous motivos básicos, existen terreos en xeral moi inclinados e, sobre todo, cando chove -cousa normal nesta terra- esvarar ou cravar unha roda, por reblandecemento do terreo, é algo cotián. Isto amáñase con relativa facilidade, obrigando a que tódolos tractores teñan unha estrutura protectora que cando dean a volta non se esmague co peso do tractor e protexa ó condutor.

Como en Castela, Andalucía, Extremadura, etc, os terreos son máis chans e non chove tanto, a nivel do Estado non é importante este problema e non precisan medidas especiais, aínda que se lles afectara seguro que xa as tiñan tomado. Non obstante, o goberno galego parece mentira que non faga uso das súas competencias e non protexa doutra maneira a cada vez máis pouca xente que vive no rural, polo menos neste tema concreto.