10 de junio de 2016
10.06.2016

2016, ano de Manuel María

10.06.2016 | 05:38

Por decisión da Real Academia Galega a celebración do Día das Letras Galegas deste ano adicouse ao escritor lugués de Outeiro de Rei, Manuel María, unha das voces máis importantes e singulares da literatura galega contemporánea. Xeralmente máis coñecido pola súa faceta poética, tamén cultivou con abundancia e acerto outros xéneros literarios como a narrativa, o teatro, o ensaio ou o xornalismo, converténdose así nun dos autores máis fecundos e polifacéticos da nosa historia literaria. Ao mesmo tempo, o compromiso cívico con Galicia, coas clases populares e co idioma propio transformárono nun referente moral para a sociedade galega e nunha das súas figuras exemplares.

En Redondela, festexamos este día 17 de maio co mesmo ritual doutros anos: declaración institucional na alameda, lectura de poemas e ofrenda floral na estatua de Castelao. O imprescindible para cubrir o expediente; aínda que menos dá unha pedra, se non se traballa, claro. Non sei cantos dos presentes no acto se deron de conta, pero algúns decatámonos perfectamente do que dicía polo baixiño o ilustre rianxeiro, por ofrecerlle flores en público mentres no principal despacho do concello, onde o seu retrato levaba máis de tres décadas exposto, foi retirado e condenado ao ostracismo enriba dun armario desde hai dous anos.

Así as cousas, pasou o día e pasou a romaría, en Redondela e en moitas outras vilas e cidades de Galicia. Outra cousa sería, se houbese vontade, sentimento e compromiso. Daquela, faríase unha programación de actos, cando menos durante un mes, para contribuír á divulgación da obra do personaxe a quen se lle adica o ano. Porque canto vale a supervivencia dunha cultura, dun idioma, dunha identidade? Non hai cartos que o paguen. Dicía Manuel María: "O pobo que deixa perder a súa palabra creada, herdada, usada, revelada, aquela que lle é propia e singular, a que é unicamente súa, está empobrecendo o mundo e perpetrando o seu xenocidio".

Neste 2016 tamén se cumpren 400 anos da morte de Miguel de Cervantes e de William Shakespeare. Para rememorar a efeméride, o Concello de Redondela colocou na praza da Constitución da vila un cubo de catro lados dunhas medidas moi considerables con datos abreviados da vida e da obra dos dous prestixiosos e relembrados escritores; pois moi ben, pero unha pregunta para quen corresponda: por que nese cubo expositor non houbo un espazo para Manuel María, o homenaxeado deste ano das nosas letras? O panadeiro que nos traía o pan a casa todos os días, un exemigrante que levaba feito pan en varios países de Europa, díxome en máis dunha ocasión que "para ser do mundo era preciso ser dalgún sitio". Era un ilustrado o noso panadeiro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine