A explicación do acontecido en Balaídos non radica exclusivamente nas ideas políticas das persoas que asubiaron á enseña española senón que ten que ver con como sente e vive a afección do Celta os seus símbolos, historia e tradición centenarias. A maioría dos celtistas comparten un sentimento galeguista de apego ao país e á identidade galega. Esta identificación pode ser forte ou feble, banal ou comprometida, latente ou manifesta, pero existe. A identificación positiva con Galiza retroaliméntase coa lealtade ao Celta e aos seus símbolos, os cales pertencen ao acervo cultural da nosa terra.

O nome: os Celtas, o escudo: a cruz de Santiago, as cores: o azul da bandeira galega. Esta coincidencia simbólica fai que unha lealdade reforcé á outra; as persoas que queren ao Celta tamén se identifican con Galiza, e moitas persoas que se identifican con Galiza, consideran ao Celta como o equipo que os representa. Unha forma de sentir o país (como o idioma) é a través dun clube de fútbol. Ese é o principal capital simbólico do Celta, imposible de acadar polo Deportivo.

Neses siareiros galeguistas hai unha parte significativa, non maioritaria pero amplamente representada, que ademáis se sente nacionalista e considera que Galiza é unha nación. Senten desafección ante os símbolos do estado. O seu desagrado non se manifesta só en Balaídos, senón que tamén o fai no dia a dia nos diferentes ordes da vida social, política e cultural. Na medida na que a discrepancia sobre a cuestión nacional perviva na sociedade, tamén estará presente en Balaídos.

A presencia da bandeira española é sentida como unha violación do fogar do celtismo, do seu legado histórico e recinto simbólico. Pero penso que a maioría dos que asubiaron fixérono non porque sexan nacionalistas senón porque entenden que a bandeira española en Balaídos non representa nada que teña que ver co Celta e porque constitúe un elemento de división no seo da familia celtista, igual que o caso Salva Ballesta. Protestaron porque pensan que esa bandeira non contribúe en nada a reforzar os símbolos do Celta, non aportou nin aporta nada á nosa historia e tradición e porque non a necesitamos para que o Celta medre como institución, como equipo ou marca futbolístico-cultural de Galiza.

Se somos un equipo especial e singular é porque temos uns símbolos ligados coa galeguidade. O que nos autoidentifica e fai diferentes aos demais equipos son os eses símbolos únicos e irrepetibles. O hábitat identitario no que o celtismo se reproduce de xeración en xeración. Así o entende e o vive, nun consenso unánime e espontáneo, a maioría dos celtistas, alén das súas ideas políticas.

A bandeira española en Balaídos homológanos e dilúenos no acervo cultural e marco simbólico no que se instalan e reproducen a súa historia o Madrid ou o Valladolid. Para existir necesitamos ser diferentes, ter un espacio simbólico-cultural propio, único, o do Celta de Vigo, o primeiro equipo de Galiza. Un Celta desligado do país e diluído no océano da simboloxía española sería como cambiar a nosa aposta futbolística polo futbol de David Vidal ou Simeone ou como imaxinar ao Athletic sen a canteira, ao Ajax sen o legado de Cruyff ou ao Madrid sen a Copa de Europa.