Moitas veces, cando discuto cos amigos arranxando o país tomando unha copa, e vexo coma ao final terminamos nunha discusión sen fin para ó rematar non amañar nada, se non temos solución coma especie, se estamos destinados a seguir sempre así.

Intúo, dende a miña insignificancia persoal, que todo forma parte dun plan sutilmente artellado polos poderes fácticos que, dende a súa posición de privilexio, miran coma as clases baixas loitan entre si por un curruncho de dignidade, coma pelexamos por postos de traballo miserentos cóbrese o que se cobre, mentres eles cos seus bolsos de Louis Vuitton, os seus Jaguar invisibles e demais manganchadas lles importa un (aquí iría unha palabra politicamente incorrecta) o que lle ocorra a poboación.

E, de súpeto, un día, xurde unha nova formación política con renovadas promesas, ilusioantes e cheas de forza. Como era de esperar a pouco que se xuntaron, nuns meses, os antigos vicios de discusión de barra de bar que todos temos, fixeron que moitos dos que nos achegamos inicialmente abandonásemos o barco decepcionados.

Foi, nese preciso intre, cando me decatei de que oxalá non pase desta vez, volverei a intentalo, a aportar a miña parte e a non renderme.

Estou seguro agora, de que se a xente humilde se preocupase máis polo que vota e participase e cuestionase aos líderes, aos seus tamén non so aos máis, o cambio, tan en boga ultimamente sería factible, pero temos que perseverar e non darnos por vencidos, porque nestes casos soen permanecer as persoas máis ambiciosas, as que se manterán custe o que custe en busca dos seus intereses persoais.

De xeito que me gustaría animar a quen lea isto a que se interese pola política, que lea os xornais, compare o que din nun e outro bando, busque a verdade e valore as propostas, que estea certo de que se non o fai, haberá outro "nome dun corrupto", escóllase o que máis guste, que o fará e quen non baixará os brazos tan facilmente.