Quixemos deixar pasar uns días antes de facer público o noso inmenso agradecemento a toda a xente que nos acompañou no trance tan doloroso polo que acabamos de pasar. Tempo para que vaian asentando en nós os marabillosos recordos de todo o vivido con Rubén; e tempo para ir retomando unha vida que para nós, mudou para sempre.

Foi moita a xente que nos fixo chegar o seu agarimo, moitas as condolencias recibidas, as mensaxes de ánimo, os telegramas de persoas descoñecidas para nós, que non atopamos outro xeito de agradecer que non sexa a través dos medios de comunicación. Non nos é posible facelo persoalmente un a un, como sería o noso desexo.

Esa a razón que nos motiva a difundir esta carta: darvos as gracias por tanto cariño recibido, polo respecto á nosa dor e á nosa intimidade familiar -só rachada por deshonrosas excepcións que preferimos esquecer- por tantas palabras de ánimo recibidas cando se facía imposible atopalas.

Queremos que saibades tamén que Rubén, o noso fillo e irmán, era unha persoa feliz.

Felicidade que contaxiaba a tódolos que tivemos a sorte de tratalo e de querelo.

Rubén sempre atopaba a maneira de relativizar os problemas do día a día, sempre procuraba solucións, unha verba de ánimo que reconfortaba, unha broma para arrincar un sorriso. Así é como está presente nas nosas lembranzas e como seguirá presente ó longo das nosas vidas.

Queremos lembrar tamén o seu compromiso co tempo e co lugar que lle tocou vivir. Rubén estaba moi ilusionado co seu labor político, do que nos facía partícipes.

Era algo que vivía intensamente, sentíase a gusto cos seus compañeiros e compañeiras e traballaba con gana polo progreso do seu concello, para que se fixesen efectivos os dereitos dos seus veciños e veciñas.

Con este recordo de Rubén é co que, toda a súa familia, vos queremos reiterar o noso agradecemento.