25 de mayo de 2016
25.05.2016

A ver se vai ser polo omega 3

25.05.2016 | 05:18

A ver se vai ser polo DHA! Crises de expresión e ataques de erotismo: isto é o home de hoxe. O interior, un baleiro, a continuidade da persoa é conservada polos traxes que, se son de bom material, duran dez anos. Abraiante e certeira crítica ao home e á muller contemporáneos de Gottfried Benn en Os deslumbramentos.

Milan Kundera apontava o mesmo cando dizia que a creba da continuidade na literatura devaluava a comprensión. Certamente non dá o mesmo ler o livro dun escritor coñecendo a obra anterior que ignorándoa. Rosalía, sen ir mais lonxe, podería ter escrito Fo-llas Novas sen os Cantares? Pódese dizer igual das paisaxes. Eu vexo hoxe A Malata e o resto dos recheos da ría de Ferrol e dou en lembrar como é que era aquilo cando era nena e o mar chegava a onde transcorre aquel Dafne e ensoños de Torrente Ballester.

Escrevería hoxe Pedraio esa Guía de Galiza? Recoñecería sequera aqueles soedosos vales polos que demorou? E os boscos? O mundo triscado ou parpadexado non se pode enxergar. A duras penas chega a un nanodeslumbramento! A visión vencellada, interrelacionada da vida que dá a lembranza e o enfiado de causalidades que nos trae a historia e a filosofía fanou e o mundo gravita nun carpe diem entolecido. Unha especie de cegueira de culto ao intre a perpetuidade, como se o poder quixera conxelarmonos nunha pasividade de loto ou nun esgotador activismo musculoesquelético dun planeta fitness zumbado e de eterna mocidade leda, allea a canto suceder fóra do fulgor da velocidade compulsiva. O homo mercader eficaz no automatismo da obtención instantánea do prazer endorfínico da oniomanía non ten acougo para relancear, para se abanear mentres o palpuxa o lecer esquecedoiro de vagar nos pensamentos emocionais. Os meniños non saben do homo ludens nin do sapiens, encadeados a unha competitividade absurda e cruel, pero moi lucrativa para o capitalismo selvaxe.

A ver se todo vai ser por mor do DHA! Porque din os cientistas que o súpeto incremento do tamaño dos nosos miolos no Pleistoceno Inferior devémosllo a ese ácido docosahexaenoico ou DHA. Un nome que só para o pronunciar a xeito há que ter inxerido abondosas cantidades de ácidos grasos omega 3, a navegar polo líquido elemento da materia grisalla pensante. A ver se todo vai ser pola escaseza de peixes na dieta. A ver se o homo ergaster ergueuse por iso! A ver se o cristo-peixe, o salmón do anel de San Rosendo de Caaveiro, o home-peixe de Liérganes... e toda unha longa historia de concepcions virxinais por degustación dun peixe que forneceu a materia prima da trasnacional do espíritu envasado ao vazío, vai vir de aí!

Mais quen goza de abismos ten que ter azas, e os paxaros viñeron do mar na evolución anque eu nunca dei resolto o misterio de por qué non há paxaros na illa de Madeira.

A ver se por culpa dunha dieta hipoácidadocosahexaenoica é polo que apareceron duas ramas na evolución humana! O voluntariado que vai limpar e plantar árvores autóctonas fronte a outra rama que se encarrega de lixar e queimar. O ebanista artesán e o que se adica ao merchandising das portas xiratorias. O que fala a sua lingua e non vende o seu territorio ao mellor postor fronte ao patriota economista dos leiloios de casino bursátil.

A ver se todo foi polos peixes e a solución aos graves problemas sociais e planetarios vai ser mais tarefa de ictiólogos que de ecólogos.

A ver!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine