Xa teño bastantes anos, nembargantes non deixo de admirar como funciona o maxín nos cidadáns repetindo unha falsedade moitas veces e facendo dela unha verdade imaxinaria.

Nestes días en tódolos medios se está a falar da reválida de 6º de Primaria, pero non existe tal. Unha reválida é un exame para obter o certificado académico duns estudos, isto é, se non aprobas a reválida quedas sen o título.

A avaliación final de 6º Primaria non condiciona a obtención do título académico, senón que ten un carácter informativo e orientador para a comunidade educativa, isto é, serve para avaliar en concreto a situación do ensino e para que se adopten as medias precisas ou se extrapolen experiencias positivas a outros centros. Non debemos esquecer que as probas internacionais (PISA) non obtemos bos resultados.

Todas as leis educativas anteriores a LOE e a LOXSE tiveron probas de control de coñecementos en cursos concretos coa intención de coñecer a nivel xeral o nivel do alumnado, independentemente da nota coa que se calificaba no centro.

No plan de estudos do ano 1957 había proba de acceso ao primeiro do Bacharelato elemental e Reválida nos cursos 4º e 6º, notas vinculantes para acadar a titulación.

Na lei Villar Palasí a partires do ano 1974 había unha proba no 8º curso da EXB, independente da avaliación do curso, sen influenza negativa no mesmo e de tódalas materias, para ter unha información dos niveis educativos que acadaban os alumnos nos distintos centros e que se incorporaba coas actas do curso na Inspección.

Na LOXSE e na LOE elimináronse estas probas de control externas, que non son reválidas, xa que non validan nada e mantense a Selectividade. Non se lle pode chamar reválida ao que non é, xa que a nota obtida pondérase coa que se obtivo ao longo do curso, cunha preponderancia de valor de 60 no curso e de 40 na proba, por cada cen puntos.

A Lomce ten dúas probas de control externo da Administración en 3º e 6º de Primaria. Non teñen valor académico, senón informativo. Non son reválidas. No último curso da ESO e do Bacharelato ten unha influenza ponderada con máis peso na nota obtida no curso. Non creo que sexa boa idea rexeitar probas externas no sistema educativo, xa que se pode extrapolar ás que facemos habitualmente nas aulas, controis, avaliacións, recuperacións, etc., e se está transmitindo a idea de que todo vale, e por ese camiño chegamos á ingobernabilidade do sistema.

Para resolver estes problemas o mellor sería consensuar unha lei aceptada por tódolos partidos do arco parlamentario, e na que tódalas modificacións que se lle fagan teñan que ser consensuadas: un pacto escolar.