A Xunta de Galicia ven de anunciar a implantación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense de cara ao vindeiro curso académico 2016-17. Ao estar íntimamente vencellado á investigación, desenvolvemento e innovación, o sistema universitario de Galicia gaña potencial en educación superior, diferenciada da estrita prolongación da educación secundaria na Universidade ou educación terciaria.

A Aeroespacial é unha prestixiosa enxeñaría cunha base moi ampla en Física e Matemáticas. A posta en marcha destes estudos leva aparellada unha política industrial moi decidida. En efecto, a RIS3, unha estratexia de especialización impulsada pola UE en materia de desenvolvemento e innovación na que cada rexión está chamada a concentrar os seus esforzos nun número limitado de áreas, sitúa a Galicia como "provedor da industria aeronáutica". Por outra banda, Galicia non empeza de cero na investigación neste eido xa que, a través da súa Agrupación Aeroespacial, a Universidade de Vigo leva casi unha década realizando un traballo moi destacado coa posta en órbita xa de tres satélites e o desenvolvemento doutras liñas.

Cómpre, polo tanto, salientar o bo facer dos nosos gobernantes e representantes institucionais, pois correspóndelle a eles velar pola complementariedade das políticas académicas e as políticas tecnolóxicas e industriais así como por unha mellor armonización do sector público e do privado. O artellamento destes aspectos contribúe a camiñar cara unha sociedade do coñecemento galega, a saber, unha comunidade que emprega o coñecemento como unha das súas ferramentas básicas para o progreso e o benestar ao mesmo tempo que potencia a riqueza cultural e lingüística de Galicia así como calquera outra faceta tradicional da nosa terra.

Naturalmente, nunha sociedade do coñecemento son de importancia capital a educación primaria, secundaria, terciaria e superior. Esta última é a que conduce directamente a ciencia e tecnoloxía. E ámbalas dúas forman parte da esencia deste mundo globalizado de século XXI que discorre inexorablemente ao ritmo que se xeran novos descubrimentos e, como consecuencia, novas tecnoloxías, a principal diana do emprego. Deste xeito, as expectativas laborais do persoal especializado na fronteira da ciencia e a tecnoloxía son moi alentadoras, pero tamén cabe prever que un dos profesionais do futuro será aquela persoa cunha formación de base sólida que lle outorgue a flexibilidade necesaria para adaptarse rápidamente ás demandas dun mercado laboral en constante evolución. Así pois, a consistencia e fiabilidade dun sistema de educación superior pasan por manter a vitalidade das disciplinas mais básicas así como por fortalecer e actualizar continuamente os programas enfocados ás aplicacións de vangarda.

Calquera que bote a vista atrás ao nacemento do sistema universitario de Galicia hai pouco máis de 25 anos queda estupefacto ao comprobar cómo ten mudado o mundo que nos rodea. Nembargantes, este sistema universitario conserva básicamente o seu statu quo orixinal. Urxe, polo tanto, un reimpulso na procura dunha resposta óptima aos retos actuais e futuros. Malia a incorporación de Enxeñaría Aeroespacial, faltan titulacións a nivel de grao como, entre outras, Biotecnoloxía, Bioquímica, Enxeñaría Biomédica, Enxeñaría Biolóxica, Enxeñaría Física ou Enxeñaría de Materiais. Por outra banda, é imperativo situar aos posgraos, ou másteres, como o que realmente son no resto do mundo: o segundo ciclo formativo que, ademáis, proporciona a chave ao doutoramento e á investigación. Efectivamente, co insuficiente investimento do estado español en I + D como telón de fondo, o déficit en estudos de grao dirixidos ás novas tecnoloxías e a precariedade dos másteres están a constituir un problema cada vez mais delicado que, de non ser afrontado coa dilixencia que merece, contribuirá a agravar a situación actual de emigración xuvenil forzosa, de xeito que a lacra que constitúe a fuga de cerebros abrirá aínda máis a brecha científica e cognitiva con outras comunidades autónomas mais puxantes e cos países máis desenvolvidos.

Correspóndelle aos máis de 5000 docentes e investigadores distribuidos nas nosas tres universidades asumir a iniciativa nestas cuestións. Quén somos nós e por qué haberíamos de pronunciarnos nestos termos? Como unha de tantas voces deste país que claman para que a Universidade pública estea ao servizo da sociedade que a financia e non ao duns poucos dos que nun momento dado das súas vidas están traballando nelas, a Plataforma Pro Campus, unha plataforma cidadá, xurdiu hai preto de 30 anos co obxectivo de evitar que, por falta de miras, o campus de Ourense fora privado dunha estrutura razoable en educación superior, logrou congregar dende entón á sociedade ourensá arredor desa idea e as súas actividades tiveron como momento álxido unha memorable macromanifestación de 25.000 persoas en 1994, a maior da historia da provincia.

Agora, ben entrado o século XXI e superadas moitas barreiras que xa forman parte do pasado, os nosos sete campus deben consolidar modelos que mesturen educación superior e educación terciaria dun xeito equilibrado, implementando continuas melloras que proporcionen mais oportunidades que fagan que Galicia, a sexta comunidade autónoma en PIB e coas súas universidades ben situadas nos rankings nacionais, poida aspirar a ser referencia universitaria do noroeste peninsular. Propósitos como este contribuirán notablemente ao avance cara o ideal de sociedade do coñecemento galega que, conforme ás directrices da UNESCO, estamos na obriga de perseguer.