Os comuneiros de Cabral atopámonos nestas datas en pleno proceso electoral á Xunta de Montes e decidiremos cal das dúas candidaturas presentadas dirixirá a Comunidade de Montes a partires do día 17 de abril.

Comuneiros afines á candidatura aspirante opinan que a xunta rectora en funcións que preside Luis Rodríguez é unha pésima xestora dos recursos e os tacha de irresponsables, despilfarradores e incompetentes.

Eu opino que non o deben estar a facer tan mal porque hai que lembrarlle ós veciños que cando esta directiva tomou posesión, alá polo ano 2000, o montante existente nas arcas da comunidade ascendía a uns 180.000 euros e a 31 de decembro do 2015 o saldo ascende a 1.292.000 euros. Esto supón que esta xunta rectora durante os anos que leva de lexislatura multiplicou por sete o fondo da comunidade e que no seu día chegou a multiplicar por coarenta trala magnífica xestión contra Aena.

A pesares dos erros na xestión, que seguro que os houbo, a xestión levada a cabo por esta xunta rectora, en calquera otra empresa privada ou pública, xa tería obtido un recoñecemento a unha xestión económica altamente positiva.

Pero esta xestión económica non só é froito da xestión contra Aena. Hai que ter en conta os acordos e convenios que se fixeron co Concello, con empresas da parroquia, con Audasa, con Fomento, co Ifevi, co Aeroclub, etc., etc.

Pero resulta que para algúns multiplicar por cuarenta un fondo monetario non é xestionar, como tampouco é xestionar a incesante adquisición de patrimonio, a realización de novas e abundantes plantacións, a mellora das infraestructuras, a creación de parques ou manter o monte limpo e en perfectas condicións. Tampouco é xestionar darlle traballo durante tanto tempo a decenas de familias desta parroquia. Todo esto resulta que non é xestionar.

A miña humilde opinión polo tanto é que esta xestión feita por esta directiva, agora en funcións, ao longo dos dezaséis anos de lexislatura avalada tanto pola súa dimensión e repercusión que tivo a favor da comunidade coma pola confianza obtida todos estes anos pola maioría da asamblea de comuneiros, a lexitima totalmente a presentar de novo a súa candidatura e a seguir contando co apoio da maioría dos comuneiros que formamos parte desta comunidade.