Eu estudaba na Escola de Maestría, onde agora se atopa o Colexio de Barcelos. Daquela xa o noso patio de recreo foi a praza, lembro cando os días de feira quedabamos abraiados cas transacións dos feirantes co gando, era unha praza chea de vida e de negocio, pois a feira xeraba moita riqueza e no tempo de lecer era o campo de xogos dos pontevedreses e onde se puñan os circos que era o espectáculo de maxia e ledicia que había e nós, os rillotes dos barrios tratabamos de colarnos por debaixo das lonas. No verán, a sombriza das xigantescas plataneiras con torsos como mundos, escoitabamos as novidades musicais dun carrusel de autos de choque que sempre se puña na praza agardando pola revolución que traía a música que viña co vento.

Toda unha xeración de pontevedreses fixemos a mudanza alugando os servizos duns isocarros que aparcaban ó carón da praza, onde tamén había unha empresa de autobuses que facían o servizo a Pontecaldelas, e dous concesionarios de coches. Daquela a praza era un fervedoiro de actividades e punto de encontro das xentes do rural que viñan á cidade a vender ou mercar nos días de feira e xerar riqueza.

De súpeto, un día chegou o Circo do Progreso cun ilusionista que cun truco de maxia fixo desaparecer a feira e todas as árbores centenarias que, cando xogabamos, as agachadas escondíamos tres rapaces detrás dos torsos e os paxaros que aniñaban quedaron sen fogar, como os refuxiados, tamén fixo desaparecer o nome da praza e a nosa infancia e converteu o patio de recreo da cidade na Praza de Barcelos, chea de autos e ruido.

Noraboa pola última reforma da praza, por fin alguén se decatou que unha praza publica é para o desfrute das persoas, para pasear, sentar nun banco a ler e xogar cos nenos no tempo de lecer, sobor de todo que se priorice a seguridade peonil e da comunidade escolar. Canto máis espazo para os xogos e sen autos mellor calidade de vida. Gústame, sobor de todo, porque deulle visibilidade ó muro do convento de Santa Clara, que en tempos non moi lonxanos ata serviu de soporte de vallas de publicidade e que moitos denunciamos sen facernos caso e tivo que visitarnos un arquitecto de sona e decir que era unha aberración para que foran retiradas.

Penso que a Casimiro Gómez, que donou os terreas lle gustaría como quedou, entendería que os tempos mudan e unha feira nese lugar xa non é posibel, alegraríase de que os rapaces da escola do edificio que tamén donou teñan máis espazo e seguridade para os xogos. Mágoa que a unha praza que tiña un nome de denominación popular semellante a outras senlleiras como a da Verdura, Ferrería ou a Pedreira, que nun tempo deu riqueza á cidade, se lle esqueza a súa parte da historia mudándolle o nome polo que sempre foi e aínda o é por xente maior coñecida. Penso que ás rúas e prazas de denominación popular non deberían cambiarlle o nome, eu non teño nada có nome actual sempre que se lle poña a unha praza ou rúa nova. Xa que non é posibel a actividade polo que foi doada, polo menos manterlle o nome polo que supuxo para o desenrolo da cidade Campo da Feira.