Este ano 2016, o Papa declarou o "Ano Santo do Xubileo da Misericordia". Sen entrar en temática relixiosa hai que recoñecer que, dende 1993, o enorme impulso que tiveron as peregrinacións ou, simplemente, facer calquera das diferentes rutas ou camiños xacobeos, converteuse nun fascinante acontecemento que atrae cara a Santiago de Compostela a milleiros de persoas ao cabo do ano.

Temos que agradecer aos diferentes gobernos galegos dende 1993 a revitalización deste evento en todos os seus sentidos, pero coido que unha das Rutas, a Marítima, non foi promovida ni favorecida na medida das posibilidades que ofrece. Ter en conta que, segundo conta a lenda, o corpo do Apóstolo foi trasladado nunha barca de pedra e o seu percorrido, chegado a Galicia, comezou na desembocadura do Miño e chegou a Pontecesures, por que non impulsar esa verdadeira Ruta Marítima? Esta ruta podería dar moito de si e traer cara a Galicia un turismo de calidade que promovería e poría en valor toda a costa que vai dende a Garda ata a ría de Arousa e contribuiría á tan necesaria desestacionalización turística que axudaría á nosa economía.

Sería unha Ruta de navegación con moitos alicientes pois tocaría importantes portos e vilas históricas e naturais. O seu comezo sería na desembocadura do Miño. Enseguida atopariamos o porto da Garda (visita a Santa Tegra e porto gastronómico), deseguida Oia (mosteiro e muíños de Folón) e, xa na entrada da ría de Vigo, Baiona (castelo e parador). Aquí, neste último concello, poderían selarse o primeiro paso.

Dende Baiona temos a posibilidade de navegar pola ría de Vigo e coñecer esta fermosa cidade (visitar a illa de San Simón e os portos pesqueiros de Moaña e Cangas). Rematada esta singradura, navegaremos cara as Illas Cíes e aquí, o nauta peregrino, seguirá a que poderiamos catalogar como Ruta das Illas Cassitérides, pertencentes ao único Parque Nacional galego (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), visitando na súa derrota a ría de Pontevedra (museo Massó de Bueu, Marín, illa de Tambo, o porto turístico de Sanxenxo e o pesqueiro de Portonovo, sen esquecernos da visita obrigada a cidade monumental de Pontevedra), en Marín selar a segunda parada.

Logo de visitar Ons e Sálvora, navegar pola ría de Arousa visitando as súas pequenas illas (Noro, Vionta, Sagres, Rúa e a interesante illa de Arousa. Percorrer O Grove e a Toxa, Cambados e Vilagarcía). Chegados a Vilagarcía e visitada a Illa de Cortegada, propoñeriamos que o barco quedara no porto de Vilagarcía (selar a terceira parada nesta vila) e dende alí que algunha navieira de pasaxeiros transportara aos nautas río Ulla arriba ata Pontecesures, para despois, en autobús ou andando, seguir o Camiño Portugués ata Compostela. Conseguindo a "Compostela".