Con enorme ledicia recibimos a nova de que o Parque Nacional das Illas Atlánticas obtivo a Carta Europea de Turismo Sostible que é o selo principal para a conservación e promoción deste patrimonio natural.

Dende hai un tempo, as illas que pertencen ao parque nacional aumentan cada ano o seu número de visitantes. As Cíes e Ons, non sei si Cortegada, teñen o seu centro de visitantes onde se deberían expoñer e explicar todas as características desas illas.

A dirección do parque, como responsable deste, ten que organizar e programar o funcionamento destes centros, que para iso se crearon cun importante custo para a Administración. A raíz disto, sen culpar aos guías que cumpren co seu traballo e fan o que manda ou organiza a dirección do parque, quería explicar a problemática do pasado verán co fin de intentar que non volva a suceder.

A Deputación de Pontevedra leva uns anos organizando unhas excursións durante o verán con persoas do interior para que coñezan a costa. Entre os puntos a visitar está a Illa de Ons. A excursión é curta, arredor de tres horas, pero pode ser moi aproveitable se as cousas funcionan como é debido. A Ons chegan sobre as 11 e a navieira que os trae pon os seus guías á súa disposición para realizar unha pequena excursión pola illa e coñecer algunha das súas peculiaridades. Sobre as 12 lle dan un aperitivo e á 1 saen de novo cara ao seu porto de embarque para seguir visitando a costa.

As persoas que participan soen ser dunha certa idade o que provoca que, por diferentes motivos, algunhas non poidan ou non queiran realizar a excursión a pé. É unha pena que teñan que estar máis dunha hora deambulando pola zona de Curro ou metidos nos bares, e só porque ao parque non se lle ocorreu a idea de facilitarlles organizarlles a información sobre Ons e as demais illas, no centro de visitantes.

A Ons acoden, ao longo da etapa estival (xuño-setembro), un bo número de excursións, dende escolares ata da terceira idade. Para esta importante cantidade de visitantes o parque debería xa ter persoal adecuado, non só para ter aberto ocCentro, senón para guialos e informarlles adecuadamente. Para que fan tanto curso de guías se despois non contratan a ningún? Estamos falando de catro meses de verán.

Para máis gravidade, o ano pasado (2015) estivo pechado. Que pasou? Ese é o turismo sostible que quere a consellería? Sen ánimo de facer política, volver a repetir, que moitas veces as persoas de a pé non entendemos de macroproxectos ou macropolíticas, pero nestas pequenas cousas é cando comprobamos como nos enganan os políticos. Se Galicia vai tan ben, como non hai cartos para pagar aos guías que manteñan o centro de visitantes aberto e con bo funcionamento durante o verán?