Benquerido Xulio, o pasado día 30 recibiches unha homenaxe baixo o epígrafe: "Unha vida dedicada á música".

Os dous fomos veciños de Vilagarcía de Arousa durante anos e xuntos coincidimos sobre unha década no Seminario de Tui: "Those were the days, my friend", como di a canción: Aínda que soíamos ser moi positivos, a nosa vida era unha urdime de gozos e sombras? Verbigratia, por imperativo da vontade da superioridade daquela, só se podía falar en castelán, o que tampouco foi unha desgraza pois non estábamos moi galeguizados que digamos. Non obstante -e disto ti lémbraste mellor que eu- naquelas veladas literario-musicais que se organizaban con certa periodicidade saías ti a recitar poemas galegos de Rosalía de Castro, como: "Adiós ríos, adiós montes", "San Antonio bendito, dádeme un home, anque me mate, anque me esfole", "Campanas de Bastabales, cando vos oio tocar, mórrome de soedades".

Pasaron os anos, e un bo día deuche por comezar a escolmar poemas de Rosalía de Castro musicados, uns en arranxos para cantoautores e outros para coros. Xuntaches "a mitra" deles, máis de cincocentos, tanto en vinilos como en CD ou en partituras. Puxeches todo ese material, gratis et amore, a disposición de quen o solicitase.

Por todos eses méritos e outros máis detallados, no día da homenaxe, recibiches a distinción honorífica da que todos os teus achegados estamos non só orgullosos senón tamén sempiternamente agradecidos.

A día de hoxe segues loitando con ese problema de saúde, esperando que máis cedo que tarde xurda un fármaco que barra ese mal do mapa.

Xuliño, aquí tes unhas mans que seguirán estreitando as túas, uns amigos que seguiremos comunicándonos contigo, neste intre, a través da emoción e do cariño. En ningún lado está escrito que non vas a saír desta. Ti es bon e xeneroso e iso é máis importante que ter unha boa memoria.

En nome de todos os amigos incondicionais de sempre.