Saír a dar un recoñecemento polas rúas, mirar dende sopla o vento. Transeúntes pasan cunha porción de conversa nos beizos. Máis ou menos o que di a prensa está en consonancia coas parrafadas itinerantes dos cidadáns, mais non así en Siria, en zonas de conflito o cotián ten unha carga de risco. Quizais a vida sexa nada máis que mantela, sobrevivir, ese último chanzo e tamén primeiro mandamento. Pero os que alí quedan afanse ao asubío das bombas, dos disparos, endurécense como soldados, no hábitat inmisericorde dos combates,e talvez duren anos e anos se saíren indemnes da guerra, sendo máis resistentes despois ao colesterol, diabetes e demais derivados da comodidade e maila fartura. Alí sí que zugarán a vida como o último día.

Entrementres segue o IS nas siglas en inglés, EI en español ou Daesh segundo as súas grafías. E non só na Siria, tamén na Europa nifrarán a vida, pois din os bos musulmáns que aos extremistas exímenos da sharia ou directamente non teñen nada que ver cos preceptos da relixión mahometana. O que dá que pensar sobre se son mercenarios sen diferenzas con tantos que anden nas guerras ou eses mártires con certificado de fieis sen tacha, turistas postmorten dos licores que non embriagan, o burdel paradisíaco prometido previa inmolación. Illas que son barrios, que son guettos, que son polvoríns.

Vai ti a saber se o odio e as bombas seguen o mesmo método de cría, o proceso de cocción e que ingredientes levan. E onde agora se están a preparar. Por se acaso o exército amplía o estado de emerxencia e os europeos alerta. Resultado: os crentes irán ao ceo e os mercenarios que xa o cataron na terra, quen sabe onde irán.