Disque onde hoxe alumea o facho de Breogán, na torre de Hércules houvo un grande espello dende o que Ith albisco a verde Erín. E cara aló embarcou. Disque Narciso pasava as horas do día ollando a súa faciana no espello das augas dun río. Pero Narciso non era galego. Ese ensimesmamento, ese abraio e namoro cara un mesmo non vén no noso adn. De certo, ningún diccionario alcumador de galegos recolle a acepción de narcisista para se referir a nós.

Porque dende ese desaparecido espello dos brigantinos, Galiza ficou sen espellos, e incluso aquel mirava para fóra. Somos acovardados, envergoñados por demais para andar a nos mirar xiquera para as olleiras das nosas costas e rías. Negamonos a ver as amosas do cansazo secular de povo insomne en volta dos ollos, nin a ollariza con que nos miran e nos miramos. Son cousas do pasado, dicimonos, como se o pasado fora un sartego de cinzas esquecido ao que non é bo visistar nin o dia dos defuntos. Negamonos a botar unha olladela no espello, nin xiquer para enfeitar os montes de cabelos, montes enleados, inzados de piollos, tratados con químicas agresivas que nos fan arder en lapas de desprezo e autoodio o coiro cabeludo, calveando de temperán e enxertadomonos eses pelos cativos e tesos, que medran por baixo das nosas ideias e nos chuchan a materia grisalla miolar. Non aturariamos vermonos no espello esas meixelas macias e murchas cacarañadas por fochancas de onde tiraron a nosa linfa mineral. E moito menos eses labres xa sen cor onde mil encoros sorveron os mil rios das nosas arterias cordiais.

Emporiso os galegos non temos espellos. Porque non nos queremos ver. Sempre andamos cal Ith soñando con outras terras, con outras facianas máis lindas, menos avellentadas, máis lonxanas, sobor de todo máis lonxanas. A forza centrífuga que nos pariu dende outrora non é quen de atopar a meirande fuga e mudar o rego para voltar. Aos galegos todo nos parece mellor en tanto veña de fóra. Incluso o proprio. O granito Porriño é só unha mostra.

Por iso, a sobrevivencia da Galiza, dos galegos depende dos espellos. Os latinos chamavanlle speculu ás superficies lisas que reflectían as imaxes. E chamavanlle speculari a especular, a traficar ou comerciar con ánimo de lucro.

A situación do nacionalismo galego hoxe precisa das dúas cousas. De speculu e de speculari. De se espellar co afouto que dá a raza briosa de Breogán, e de especular sen traficar como outros. Senón de especular no sentido de mirar con atención unha cousa, de fitar. De reflexionar, meditar, teorizar e incluso conxeturar. O que non precisa é tapar os ollos ou seguir apozada en augas turvas, sen espello. E non é preciso ser Narciso para o fazer!.

Os nacionalistas dunha e outra paróquia temos que soerguer a traverso da ollada crítica e pousona. Sen présas nin pausas. O povo nin se ve nin nos ve. Anda a ollar para fóra porque fóra xa non está a irmanciña dourada, a verde Erín do soño de Ith, senón o imán do mundo selvaxe e veloz, dos catadióptricos que son lentes e espellos a un tempo. Fóra está o brillo das chilindrainas bulindo e prometendo paraísos. E dentro, os nacionalistas tampouco fumos quen, polo de agora, de erguer máis ca bandeiras estreladas coa silueta dun Castelao ao que en moitas esencias lle demos as costas dende un fermoso e ilusorio catafalco.

Temos moito a fazer. A vertebración do territorio e o seu espellamento. A xente non pode se sentir só orgullosa de ser galega cando bagulla de diante dun can de palleiro de anuncio ou sentir a estrela, non na fronte, senón no himno dunha cervexa.

Falla a pedagoxía cotiá. O espello suliña que alentamos nun autismo devalador. Temos un grave problema de comunicación co resto do povo, os nacionalistas.

A nosa mensaxe esencial non chega ou chega deturpada. A maioría non enxerga que a soberanía non é só cantar un himno ou erguer unha bandeira. Non enxergan que a soberanía é tamén alimentaria, dos recursos, do territorio, da facenda, da banca...Temos que fazer política de base. Crear un tecido social ou aproveitar o que xa hai desartellado polo país adiante. Deixar o saial de mártir do proselitismo. Esquecer a pose diante o espello e a cámara. Entrar nas asociacións veciñais, nas cooperativas, nos grupos de disidencia... sentar cóbado con cóbado... esquezer os prazos eleitoralistas, as representacións teatrais... deixarllelas a eles, aos outros, aos guapos, aos que todo o miden coa vara do éxito a calquera prezo a vella política. Pedagoxía freireana co noso povo. Calada, silandeira mais rexa, firme, constante, debouradora. Sen renunciar ás raizames no que teñen de comunal, de consenso, de traballo colectivo aberto a todos os que respecten o feitío das nosas facianas e estas nosas enrugas naturais.

Há moito a fazer, un mundo. Mais Castelao dizia: Non lle poñades chata á obra en cuanto non se remate. Mellor vinde traballar nela. Há sitio para todos.