O outro día mentres vadeaba ese mar interior, Redondela nunha beira, Vilaboa na outra, a ponte de Rande en plan columnas de Hércules acudíume á mente a xuventude toda xunta, encirrada a nostalxia por unha canción de Mecano. Este grupo cadrábame fóra dos meus gustos, -os que un pode declarar, non os gustos reais, verdadeiros-.

Coñecín a un heavi que adoecía por Mecano, non o agachaba, como tampouco ocultaba os discos declarados de ACDC e a chupa de coiro, e mailas maneiras que gasta esa tribo hoxe cáseque absorbida por outras modas mais frívolas, menos románticas coa excepción dos góticos. Estes, os góticos, parécenme a min uns "outsiders" redondos, que fartos de seren tomados por raros, chantáronse nunha reafirmación que lles sae na roupa e que ao final cústalle un quintal. Téñome atopado con algún ou algunha e dá a impresión de personalidades reforzadas. Así tamén nos sentíamos nos anos 80, coa chupa "Perfecto", a camiseta dos Ramones, etcétera. Mudabas a roupa para ir, un exemplo, a unha voda, e xa eras de súpeto vulnerable, como quen é desposuído do helmo e a armadura. Cousas.

Chegan da man de cancións as lembranzas, aquela obriga de poñerse un, consumir -xa sabes-, a noiva que che zugaba o sentido. Carallo! Apaguei a radio no momento. Quita, quita...