Así era como se chamaba o primeiro colexio público masculino da parroquia de Reboreda (Redondela). Foi inaugurado en 1925 nunha casa situada no lugar da Banda do Río, no barrio de Santo Paio de Abaixo. Hoxe o sitio chámase Estrada de Pazos de Borbén, por decisión, no 2010, duns concelleiros/as e dos seus asesores, uns "lumbreras" que non sabían que os nomes dos lugares, a toponimia, representa a cartografía da palabra na terra, non sabían que os que teñen presente e respectan a súa identidade demostran a súa sabedoría.

Nesta casa, digo, alugada polo Concello no seu día a Severiano Bastos "O Marchabén", un personaxe singular e home de moitos oficios, entre eles o de carreteiro e muiñeiro, estivo a escola de nenos desde 1925 ata 1965, ano no que se estreou o actual grupo escolar. Un primeiro andar dunha casa de 70 m² ao carón do muíño do mesmo nome pola que pasamos centos e centos de nenos da parroquia durante os 40 anos do seu funcionamento. Alí impartiron clases don Prudencio, don Manuel Cerviño e don Fermín Blanco. Ata 60 alumnos de diferentes idades para un só profesor. Unha aula adobiada, despois de 1939, coa fotografía de Franco, a de José Antonio Primo de Rivera, un crucifixo e a bandeira española. Era unha escola, ben se sabe, parcial e totalitaria, como a ditadura que nos gobernaba: pobre en tódolos sentidos, na que se dicía que "a letra con sangue entra". Na mesa do profesor estaba sempre presente unha regra de madeira para arrearlle "palmetazos" na man a quen os merecese e tamén un vimbio dun metro de longo para castigos máis severos. Outros enseres, ademais dos pupitres, eran unha cociñiña eléctrica, unha ola de aluminio de 15 litros para facer o leite en po que nos daba o profesor todas as mañás e un armario para gardar os 60 tanques de porcelana pola que o tomabamos. Dous alumnos encargabámonos cada día de ir á fonte do "Marchabén" a por auga coa mesma ola de cociñalo.

O luns aritmética, o martes gramática, mércores xeografía, xoves historia e o venres relixión. Pizarra e pizarrillo (lémbrame o amigo Jacinto Castro o lugar onde os afiabamos tódolos días: nun balaústre do pasamáns da rampla das escaleiras de acceso á aula), caderno, pluma e o libro, en moitos casos o libro-encicolopedia que lle correspondese a cada un dependendo da idade. Así ata os 13 ou 14 anos, para conseguir o Certificado de Estudos Primarios. En moitos casos aquela viaxe tería continuidade, pasado un tempo, ata obter o Graduado Escolar. Finalmente matriculámonos na escola da vida, que tamén é indispensable para adquirir sabedoría fóra das aulas.

Con todo, como sabemos que o coñecemento do noso relato vital, así como do noso relato colectivo, é o que nos pode dicir o que fomos no pasado, e mesmo o que somos no presente, como neste ano de 2015 se cumpren nove décadas da fundación do primeiro colexio público desta parroquia, non queremos que se perda a memoria de onde vimos porque sabemos que é unha facultade da nosa natureza que pode considerarse marabillosa para poder mellorar o futuro? As asociacións culturais Alén Nós de Redondela, a Sociedade Cultural de Reboreda, o Colexio Público da parroquia e a Concellería de Cultura do Concello organizaron un acto de memoria o pasado día 26 de decembro diante da casa onde estivo esta primeira escola.

No mesmo acto descubríuse unha placa na fachada da casa en memoria e recoñecemento do profesorado e alumnado que pasou por esta escola, ao cumprírense 90 anos da súa creación.