Escribo para manifestar a miña indignación pola situación que afecta ás persoas que desexamos obter os certificados de coñecemento da lingua galega correspondentes aos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. No pasado curso 2014-15 non se realizou o exame que permite acceder a estes certificados, o que, por diversos motivos, significou un prexuízo para moitos de nós. Para casos como o da opositora que subscribe esta carta, o problema radica en que a necesidade de acreditar o coñecemento da lingua galega que se esixe para o concurso de oposición ao que concorro me obriga a dispor dun dos mencionados certificados.

Así, denuncio a nosa situación de indefensión ante tales circunstancias e esixo a convocatoria por parte da Xunta de Galicia dun exame do Celga no primeiro trimestre de 2016. A proba que reclamo permitiría optar ao certificado de coñecemento da lingua galega tanto ás persoas que non tivemos a oportunidade de examinarnos en 2015 como a aquelas que están a realizar os cursos do Celga que rematan en xaneiro. Propoño que o exame demandado se celebre en xaneiro porque non parece moi razoable que unha proba destas características teña lugar en xuño cando o curso que a ela conduce remata cinco meses antes. Alén diso, tal demora na celebración do exame impediría aos opositores acreditarmos o requirido coñecemento do galego dentro do prazo que para estes efectos se estabelece nas estipulacións dunhas probas de oposición que adoitan convocarse en marzo.