O cumio climático de París dará un novo (e insuficiente) paso na loita contra o cambio climático, superador do Protocolo de Quioto. A respecto de 1990, o ano de referencia para este protocolo, Galicia apenas reduciu as súas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes de cambio climático. Só un 4% ata 2013, último ano para o que se dispón de datos oficiais. De non ser pola crise económica dos últimos anos mesmo terían aumentado. Algo que previsibelmente acontecerá de novo este ano.

As emisións por habitante de Galicia eran en 2012 un 70% superiores á media mundial. E a diferenza do que acontecía en 1990, hoxe tamén superan as do conxunto da UE. Como país desenvolvido cunhas emisións altas en relación á súa poboación, Galicia debería ter recortado significativamente as súas emisións nos últimos 25 anos. Mais ningún goberno galego quixo asumir o compromiso de diminuílas. E a única medida política de alcance nese senso foi o impulso dado á enerxía eólica até o actual "parón renovábel" decretado polo Goberno estatal.

O freo á expansión das enerxías renovábeis contribúe a que a produción eléctrica con carbón, a máis prexudicial para o clima, manteña aínda un importante peso na nosa terra. Tanto que segue a ser a maior fonte emisora de CO2 desde Galicia e o factor máis determinante na evolución da achega da economía galega á crise climática global. Tal é o seu impacto climático que só a maior das dúas centrais de carbón galegas, a operada por ENDESA nas Pontes, emite anualmente máis gases de invernadoiro que todos os vehículos galegos, ou que unha comunidade autónoma como Navarra.