O Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 5 establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios para facilitar o seu coñecemento.

Na orde do 16 de xullo do 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), recoñécese que existe un sector moi importante de cidadáns galegos que non tiveron acceso ao coñecemento da lingua galega mediante o ensino obrigatorio. Ademais de que hai que sumar todas aquelas persoas que viven na nosa comunidade e son oriúndos doutras nas que a aprendizaxe da lingua galega non é posible.

Deste xeito cítase que o coñecemento da lingua galega é unha necesidade real, dado que é esixida acotío para o desenvolvemento de diversas actividades profesionais ou sociais.

Pois ben, neste sentido víñanse convocando estes últimos anos cursos preparatorios e mais exames do Celga nos seus diferentes niveis por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este ano convocáronse os cursos de preparación pero non os exames que normalmente viñan sendo no mes de xuño.

Varios alumnos dos cursos preparatorios do Celga preguntaron na Secretaría Xeral de Política Lingüística por esta falla, e a súa resposta foi que se convocarían antes de rematar o ano! Estamos a piques de chegar ao 31 de decembro e aínda non hai mostras de que isto vaia ocorrer!

Esta actitude colócanos, a moitas persoas que precisamos o certificado por motivos laborais, nunha situación de discriminación fronte a outros cidadáns, impedindo, dunha tacada, a posibilidade de exercer os nosos dereitos e de acceder a postos na administración pública galega ou mesmo ao ensino onde se precise acreditar oficialmente estes niveis de coñecemento do galego.

Xa dende hai dous anos vimos asistindo a unha diminución das oportunidades de obter o citado certificado, xa que as convocatorias de exames pasaron de dous ao ano a unha; e agora que?, pasamos a cero? En tanto, seguen a convocarse cursos preparatorios que non rematan na devandita proba, polo que a súa finalidade non se pode cumprir. Outro xeito de desaproveitar o diñeiro!

As persoas que precisamos realizar esta proba o que esiximos é a súa convocatoria polo menos dúas veces ao ano como estaba a suceder ata o 2013.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, e por elevación a Consellería da Presidencia e Administracións Públicas, de quen depende, non é quen de dar a calada por resposta nin adoitar ignorancia, non é quen de atrasar as probas "sine die" polos prexuízos e a inseguridade que isto achega, non é quen de privar aos cidadáns galegos ou non galegos dese dereito recollido no propio Estatuto de Autonomía de Galicia que no seu artigo 5 ap. 4 di:

"Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua".

Pois ben, nós estamos a ser discriminados por causa da nosa lingua!