Cantos balbinos e balbinas hai espallados polo mundo? Nos anos cincuenta do pasado século as aldeas galegas eran un bulideiro de xentes. Nos fogares eramos un montón de irmáns que malamente sobreviviamos con dúas cabezas de gando e catro leiras. Iso si, eramos unha gran familia. Xuntabámonos para a herba seca, mallas, matanza, vodas, fiadeiros... Na adversidade eramos un.

A necesidade levou aos precursores a emigrar principalmente a Francia. Pronto foi o afán de todos e de todas. Estendémonos por Alemaña, Suíza, Inglaterra... Marchamos sen nada. Cos cartos prestados para facer a viaxe. Moitos ao saír da idade escolar, pero sen ir á escola porque tiñamos que gardar aos irmáns pequenos ou levar o gando ao monte.

Cantos lectores aínda máis tería "Memorias dun neno labrego", se todos os balbinos e balbinas que emigramos da nosa aldea tiveramos a oportunidade de poder acceder a unha educación axeitada?

Aqueles balbinos e balbinas que emigramos estamos en extinción coma as nosas aldeas. Confiamos que cos cartos que aforrabamos e mandabamos a Galicia durante décadas serviran para que as xeracións futuras tiveran unha vida digna nas aldeas, pero non foi así.

A maioría xa estamos xubilados. Algúns na aldea, outros nas cidades: Vigo, Ourense, Lugo, Coruña... Outros quedáronse cos fillos e netos en Suíza, Alemaña, Francia... Quixemos para eles unha vida e unha educación que nós non tivemos. Pero agora mentres eles pensan no BlackFriday, no CiberMonday, lemos no Faro que no Panteón de Galegos Ilustres se despide a este gran mestre, Xosé Neira Vilas, emigrante coma nós, que repousará na aldea de Gres. Agora que temos tempo, imos ler "Memorias dun neno labrego", que penso é a noso memoria.