Hai xa uns meses a Xunta decidiu non levar a cabo os exames CELGA (Certificación da Lingua Galega). O motivo que esgrimiu para facelo foi o conflito aberto entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o profesorado encargado da avaliación dos exames. Alén dos motivos que levaron a ambas partes a xudicializar o conflito o que me gustaría é sinalar as consecuencias que ten para as persoas interesadas en obter o certificado CELGA o feito de que a Xunta decidira suspender a realización da proba.

No meu caso, e no caso de moitas persoas que queren dende hai tempo poder facer os exames, o noso futuro laboral depende en gran medida de ter ou non un certificado CELGA. Todas aquelas persoas que queremos poder ter un futuro nesta terra, Galicia, facemos grandes esforzos para aprobar unhas oposicións ou para mellorar no noso posto laboral. E, do mesmo xeito, facemos grandes esforzos para aprender a lingua galega e a súa cultura. Sen embargo, a actitude irresponsable da Xunta de Galicia afecta ás máis de 3.500 persoas que desexan ter a posibilidade de facer este exame que non só se leva atrasando meses senón que ademais as respostas da Secretaría Xeral de Política Lingüística son ambiguas e pouco claras xerando un claro malestar entre as persoas afectadas.

Por este motivo, estamos esixindo dende hai meses que a Xunta actúe para dar resposta a esta problemática e que convoque a realización dos exames CELGA o antes posible para que poidan ter lugar durante o primeiro trimestre do ano 2016. A Xunta e a Secretaría Xeral de Política Lingüística non poden seguir eludindo a súa responsabilidade e teñen que cumprir co seu compromiso de potenciar o uso da lingua galega e demostrar que teñen unha verdadeira intención de dar solución ás persoas afectadas en lugar de esperar que pase o tempo. Non poden seguir recortando en todo o que teñen a man. E sobre todo, que non recorten no futuro de quen quere vivir e traballar nesta terra e necesita ter este certificado para poder facelo.