Parabéns ao FARO polas páxinas excelentes que lle está a dedicar ao pasamento do escritor Xosé Neira Vilas. Quixera corrixir unha expresión, con certeza mal formulada por min, que aparece na edición de onte do periódico. Digo alí eu que "?propuxen (a Neira Vilas) para entrar á Academia Galega". O certo é que Neira Vilas foi proposto regulamentarmente para académico de número por Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández Rei e Antón Santamarina. O que eu fixen, desde a publicación de Memorias en 1960, foi tratar publicamente da obra de Neira Vilas con alto respecto, cariño e admiración e, na Academia, apoiar a proposta do seu ingreso en calidade de individuo de número no ano 2001.